Ir o contido principal

Carlos Salgado, Luis Miguel Botana e José Manuel Sabucedo obteñen as Medallas de Investigación 2020 da RAGC

De esqueda a dereita, Carlos Salgado, Luis Miguel Botana e José Manuel Sabucedo, Medallas de Investigación 2020 da RAGC
De esqueda a dereita, Carlos Salgado, Luis Miguel Botana e José Manuel Sabucedo, Medallas de Investigación 2020 da RAGC
A entrega de galardóns desenvolverase este xoves 8 no Colexio de Fonseca e servirá tamén para recoñecer o descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular coordinado polos tamén investigadores da USC Diana Guallar e Miguel Fidalgo
Lugo, Santiago de Compostela

Os profesores da USC Carlos Salgado, Luis Miguel Botana e José Manuel Sabucedo acaban de ser recoñecidos coas Medallas de Investigación 2020 da Real Academia Galega de Ciencias, galardóns que distinguen a científicos e científicas de prestixio que desenvolvesen a maior parte da súa carreira investigadora en Galicia. A entrega das medallas terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, no Colexio de Fonseca, este xoves 8 de outubro, ás 19.00 horas.

A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspóndelle a Carlos Salgado, director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC, único centro galego ata agora coa distinción de Unidade de Excelencia María de Maeztu. Doutorado en Física Teórica pola USC, Salgado (Monforte de Lemos, 1971) completou a súa formación con estadías nas Universidades de París Sur e Roma e no CERN. No ano 2011 recibiu unha axuda Starting Grant do European Research Council (ERC) e no 2019 unha Advanced Grant. Salgado está á fronte dun grupo referente internacional na teoría e fenomenoloxía de interacción forte en condicións de altas temperaturas e densidades, relativa á materia que formaba todo o Universo uns microsegundos despois do Big Bang e que se produce en laboratorio nos grandes aceleradores de partículas, especialmente no LHC do CERN.

Luis Miguel Botana (Catoira, Pontevdra) recibe a medalla Ánxeles Alvariño, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. Catedrático de Farmacoloxía na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC, fixo unha estancia posdoutoral na Universidade Johns Hopkins de Baltimore. A súa actividade científica céntrase na farmacoloxía, toxicoloxía e detección das toxinas mariñas, así coma no uso de produtos mariños para a formulación de fármacos. Foi director do Laboratorio Comunitario de Referencia de Biotoxinas Mariñas e director do Departamento de Farmacoloxía da USC. A investigación desenvolvida durante a súa carreira, en colaboración con máis de 50 grupos internacionais, tivo unha gran proxección social no sector pesqueiro en Galicia: a actual lexislación europea sobre control de toxinas mariñas baséase en parte nos traballos do seu grupo de investigación, que é referencia mundial neste campo.

A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC, destaca a traxectoria de José Manuel Sabucedo (Vigo, 1955), catedrático de Psicoloxía Social na USC. É coordinador do grupo de Comportamento Social e Psicometría Aplicada e membro do instituto CRETUS. Recibiu o Premio Galicia de Investigación e foi promotor e primeiro presidente da Sociedade Científica Española de Psicoloxía Social e editor da International Journal of Social Psychology. A súa investigación céntrase no estudo de procesos psicosociais básicos e na súa aplicación aos ámbitos da conduta política e do medio ambiente. Nos últimos anos e xunto ao seu equipo traballou na conceptualización da obriga moral. A súa formulación está a ser utilizada por outros autores en modelos explicativos de diversas condutas. 

Alén dos científicos da USC, tamén foron recoñecidos os profesores da UVigo, Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa. 

Premios de Investigación Ernesto Viéitez

O descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular, desenvolvida pola USC e que abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro e as doenzas autoinmunes, foi tamén recoñecido co Premio de Investigación 2020 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), dotado con 6.000 euros. Na investigación, participan grupos científicos de Reino Unido, Estados Unidos, China, Australia e Canadá.

Coordinado polos investigadores Diana Guallar e Miguel Fidalgo, o proxecto supón un fito no campo do uso terapéutico das células nai, concretamente das células nai pluripotentes inducidas (iPSC). O equipo galardoado que tamén recollerá o premio este xoves, está liderado polos grupos de Epitranscriptómica e Envellecemento e de Células Nai e Enfermidades Humanas do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC.

Na categoría de premios dirixida a investigadores mozos, Esteban Suárez, do grupo Nanobiomol do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC, recollerá unha mención honorífica. O seu traballo supón un salto cualitativo no campo dun tipo de polímeros denominados helicoidais sintéticos, xa que permite desenvolver novos nanomateriais cun comportamento multifuncional e interesantes propiedades aplicables á biomedicina e ás TIC, como a encapsulación de substancias e o desenvolvemento de sensores.

Homenaxe a Andrés Comerma

A entrega das medallas forma parte da celebración do Día da Ciencia en Galicia, que a RAGC promove para poñer en valor a traxectoria dos científicos que historicamente e na actualidade contribúen de forma significativa ao avance do coñecemento e á súa aplicación á mellora da calidade de vida das persoas e ao progreso económico de Galicia. Neste marco, no acto académico do vindeiro xoves homenaxéase a figura do enxeñeiro e arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador Andrés Comerma, responsable do deseño da obra máis importante realizada en Galicia no século XIX –o Dique da Campá no Arsenal de Ferrol– e introduciu numerosas innovacións tecnolóxicas en Galicia, como a telefonía e os raios X.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.10.2020.