Carlota Pérez, recoñecida experta en cambio tecnolóxico, participa este martes no máster DEIN
O Máster DEIN da USC organiza para este martes 24 o seminario ‘Revolución Tecnolóxica e cambio de paradigma económico. Cara un crecemento verde intelixente?’ que impartirá a catedrática de Tecnoloxía e Desenvolvemento da Universidade Tecnolóxica de Tallín (Estonia), Carlota Pérez.
A xornada comezará ás 12.00 horas no Salón de Graos de Ciencias Económicas e Empresariais cunha presentación do profesor Xavier Vence e a visualización do vídeo ‘Revolución tecnolóxica e cambio de paradigma’. A sesión coa investigadora terá lugar a continuación a través de teleconferencia.
Carlota Pérez é experta no impacto socio-económico do cambio tecnolóxico e nas condicións historicamente cambiantes para o crecemento, o desenvolvemento e a competitividade. É profesora visitante na London School of Economics e honorífica do Centro de investigacións sobre política científica e tecnolóxica da Universidade de Sussex e do Instituto para a Innovación e o Propósito Público (IIPP-UCL), ambos no Reino Unido.
As súas publicacións dende comezos dos anos oitenta e o seu libro Revolucións tecnolóxicas e capital financeiro. A dinámica das grandes burbullas financeiras e as épocas de bonanza contribuíron á comprensión actual das relacións entre o cambio técnico e o cambio institucional, entre o mundo financeiro e a difusión tecnolóxica e entre a tecnoloxía e o desenvolvemento económico. Os seus artigos e libros son utilizados como material de estudo en universidades de moitos países.