Ir o contido principal

Carracedo abre en Veterinaria un foro de divulgación científica que cita este venres investigadores das universidades galegas

O vicerreitor Javier Bueno inaugura, ás 10.00 horas, a xornada, que se prolongará en quenda de mañá e tarde e que inclúe a posta en común de 70 comunicacións e pósters

A xornada de divulgación científica ‘Primeiros pasos na ciencia’, un foro promovido a iniciativa dun grupo de estudantes de doutoramento no Campus Terra da USC, citará este venres, a partir das 10.00 horas, na Facultade de Veterinaria de Lugo, preto dun centenar de investigadores de doutoramento nas tres universidades galegas. O catedrático da USC e Premio Nacional de Xenética en 2015, Ángel Carracedo, abrirá a quenda de relatorios da xornada cunha lección maxistral que se desenvolverá baixo o título ‘Pescando xenes’.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez; a vicedecana da Facultade de Veterinaria, Izaskun Ibarguren, e o presidente do grupo de Divulgación Científica de Galicia e coordinador da xornada, Pedro A. Castrillo Arias, darán a benvida a todas as persoas asistentes no marco dun breve acto inaugural. Este evento, organizado coa pretensión de favorecer a creación dun foro acaído para que os investigadores noveis poidan presentar os avances das súas investigacións, contribuirá ademais a crear novas redes de contacto que favorezan a posta en valor da colaboración científica interdisciplinar. Daquela, en aras a avanzar na colaboración entre diferentes ámbitos ou especialidades científicas, o programa desta xornada inclúe a presentación de comunicacións orais e de pósters, cuxa temática abrangue desde liñas básicas de experimentación, ciencias experimentais, ciencias da saúde e mesmo cuestións propias das ciencias sociais. O programa deste foro científico prolongarase en quenda de mañá e tarde e rematará cara as 19.00 horas, cun acto de clausura durante o que se procederá á entrega de premios aos autores/as das comunicacións orais e dos pósters que acaden unha valoración máis alta.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.10.2016.