A carreira da saúde percorrerá este sábado o Monte Pedroso
A Asociación estudantil Meiga (Medicina Intercambios Galicia) organiza a carreira da saúde, que baixo o lema ‘Trota ou camiña, pero fai exercicio’ terá lugar este sábado, 30 de abril, no Monte Pedroso (Santiago). Trátase dunha proba dirixida a todas as idades e a toda a familia, que ten como obxectivo promover o exercicio e hábitos de vida saudables. O percorrido da carreira é de 5 quilómetros, aproximadamente, e desenvolverase entre A granxa do Xesto e Selva Negra, no Monte Pedroso, comezando a xornada ás 9:45 horas co reparto de dorsais e a partir das 11:30 as probas. Durante toda a carreira, repartiranse froita e bebidas e todos os participantes recibirán unha camiseta personalizada de regalo para que recorden sempre o lema da proba. Para o desenvolvemento da carreira, a organización conta co apoio da Vicerreitoría de Estudantes e do Servizo de Deportes da USC, do Centro de Transfusión de Sangue de Galicia, do 061, da Sociedade Gallega de Endocrinología e do Concello de Santiago, entre outros.