Ir o contido principal

Os carteis checoslovacos da mellor cinematografía de finais do XX, nunha mostra na USC

Cartel da película Carmen tal e como se presentou na República Checa
Cartel da película Carmen tal e como se presentou na República Checa
Son oitenta e dous representativos exemplos da Escola Checoslovaca dos anos 60, 70 e 80

Os mellores carteis de películas proxectadas entre 1960 e 1989 na República Checa conforman unha mostra que se inaugurou este xoves 13 na Facultade de Ciencias da Comunicación nun acto ao que asistiron o vicerreitor de Cultura, Elias Torres; o director do Centro de Linguas Modernas da USC, Ignacio Palacios; a profesora de lingua checa Katerina Vlasakova; a concelleira de Educación e Normalización Lingüística de Compostela, Guadalupe Rodríguez; a directora do Centro Checo de Madrid, Adriana Krasova; e o galerista e comisario da mostra Pavel Rajcan.
A exposición ‘Cartaces de Cine de Checoslovaquia, 1960-1989’, producida polo Centro Checo Madrid coa colaboración do Centro de Linguas Modernas e da Galería Terryho Ponožky, chega a Compostela logo de percorrer festivais de cine por toda España. Permanecerá na cidade ata o 4 de abril, concretamente na Facultade de Ciencias da Comunicación e na Biblioteca Universitaria Concepción Arenal.
Escola checa de carteis de cineOs artistas checos conseguiron desenvolver estilos peculiares, achegando propostas innovadoras no cine e moitas veces comprometidas que alcanzaron unha merecida reputación artística e creativa. A partir dos anos 60 defínese un “estilo checoslovaco” que vai dar lugar a unha auténtica Escola Checoslovaca de Carteis de Cine.
A exposición que se presenta inclúe representativos exemplos desta Escola que vai ter unha significativa influencia en diferentes países, á vez que exhibe traballos sorprendentes de carteis de películas estranxeiras exhibidas en Checoslovaquia, entre elas varias españolas como Carmen e Viridiana.
Os 82 carteis orixinais que se expoñen na USC pertencen á colección de carteis de cine da Galería Cinematográfica Terryho Ponožky (Os Calcetíns de Terry), que forma parte das actividades dos máis importantes cines de arte de Praga como son Aero e Světozor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2008.