Ir o contido principal

A Casa do Saber de Lugo acollerá o luns 6 unha clase maxistral de violín country para instrumentistas de corda

A sesión, organizada pola asociación cultural Galicia Fiddle en colaboración coa USC, é gratuíta e vai dirixida a violinistas, chelistas, guitarras, violas e contrabaixos

A asociación cultural Galicia Fiddle celebrará o vindeiro luns, día 6 de maio, no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo unha sesión de iniciación ao bluegrass para pequenos instrumentos de corda, no marco da que a fiddle norteamericana Brittany Haas impartirá unha clase maxistral dirixida a violinistas, chelistas, guitarras violas e mesmo contrabaixos.

O obxectivo desta actividade formativa, na que Brittany Haas amosará os distintos estilos de violín existentes na música tradicional norteamericana: Bluegrass, Old time, country..., é que os participantes aprendan a interpretar, crear e mesmo improvisar sobre unha melodía norteamericana sen necesidade de partitura, senón exercitando a capacidade de transmisión oral imprescindible para interpretar as músicas populares. A violinista estadounidense Jody March e Yann Falquet, un virtuoso da trompa, que tamén está considerado como un dos mellores músicos de folk de Canadá, acompañarán a Brittany Haas nesta clase maxistral. Asemade, ao remate da sesión formativa, que se prolongará ata as 20.00 horas, os tres músicos ofrecerán un concerto no auditorio da Casa do Saber de Lugo.

Estas actividades organizadas pola asociación Galicia Fiddle son de carácter gratuíto, tanto a clase maxistral para instrumentos de corda como o posterior concerto. Todas as persoas que estean interesadas en participar na sesión formativa poden inscribirse de xeito telemático no enderezo electrónico www.galiciafiddle.com/lugo. Para obter máis información tamén se pode enviar un correo electrónico ao enderezo xustans [at] gmail.com (xustans[at]gmail[dot]com) ou chamar ao número de teléfono 610.90.70.65.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2013.