Casares destaca que a Politécnica reforza á Universidade como referente nacional no eido das Ciencias Agrarias
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, destacou “o orgullo” que supón para a institución académica que dirixe contar cun centro como a Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, ao que atribúe boa parte dos méritos que permiten á USC ocupar a terceira posición no ránking nacional das universidades españolas referido ás ciencias agrarias.
Casares fixo estas declaracións no transcurso do acto académico conmemorativo da celebración do vixésimo quinto aniversario da implantación da titulación de Enxeñaría Agronómica na Universidade de Santiago de Compostela, uns estudos superiores integrados desde o ano 1993 na oferta académica da Escola Politécnica Superior. A histórica importancia da agricultura no desenvolvemento da sociedade non pasou por alto para o reitor Juan Casares, quen logo de lembrar que a agricultura propiciou a primeira transformación levada a cabo polo ser humano, incluso moito antes do seu desenvolvemento cultural, manifestou tamén o seu convencemento de que a agricultura e todo o relacionado coa produción de alimentos terá nos vindeiros anos un destacado protagonismo pola necesidade de cubrir as necesidades alimentarias dunha poboación que no 2050 superará os 9.000 millóns de habitantes. O director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Javier Bueno, comparte tamén unha visión optimista respecto do futuro da Enxeñaría Agronómica, unhas expectativas baseadas tanto no previsible aumento da poboación como nas novas oportunidades formativas e profesionais que deparará o novo máster en Enxeñaría Agronómica, un título oficial que vén a substituír a Enxeñaría Superior en Agrónomos que comezará impartirse o vindeiro ano no campus de Lugo e que contempla tres especialidades formativas diferenciadas. Javier Bueno recoñeceu no acto conmemorativo dos 25 anos da implantación da Enxeñería Agronómica en Lugo sentirse “orgulloso de dirixir a Escola Politécnica Superior, un centro do que nos últimos cinco lustros se formaron 878 enxeñeiros agrónomos, distribuídos nas 24 promocións de titulados xa egresadas”. Bueno tamén defendeu no seu relatorio a relevancia acadada pola Escola Politécnica Superior no campus universitario de Lugo. A EPS oferta cinco títulos de grao e outros tantos másteres oficiais, ademais de programas de doutoramento e outros posgraos propios, lembrou Bueno, para logo facer fincapé noutras variables positivas do centro, tales como as referidas á captación de alumnado e estudantado estranxeiro, produción científica e consecución de recursos financeiros para I+D+i. No día da festividade de San Cidre, patrón do centro e dos enxeñeiros agrónomos, o director da Escola Politécnica Superior, tamén tivo palabras de agradecemento para todas as persoas que o precederon no cargo e que contribuíron a que a EPS sexa hoxe en día o que é. Unhas loas que tamén fixo extensivas a todo o profesorado e o persoal que traballa neste centro universitario do campus de Lugo. O decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Víctor Tello, fixo unha ardua e reivindicativa defensa do cometido dos colexios profesionais na súa intervención neste acto académico, que comezou cun relatorio sobre o uso e a normativa de produtos fitosanitarios, sanidade vexetal e seguridade alimentaria, a cargo de Jesús Collar Urquijo, enxeñeiro agronómico do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia. As intervencións da directora xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, Patricia Ulloa; do acalde de Lugo, José López Orozco, e da vicepresidenta da Deputación de Lugo, Lara Méndez, serviron de colofón á celebración deste acto académico, no marco do que se procedeu á entrega dos Premios Fin de Carreira 2013, así como das insignias aos novos titulados. O enxeñeiro agrónomo Joé Vilar Pardo gañou o primeiro premio Fin de Carreira 2013, dotado con 1.000 euros en metálico, por un proxecto para a construción dunha industria cárnica para a produción de xamón curado no polígono de As Gándaras. Iván Pérez Reigosa mereceu o segundo galardón, mentres que María del Pilar Martínez Diz foi distinguida co terceiro premio.