Ir o contido principal

Os castiñeiros senlleiros do sur de Europa, a análise no campus de Lugo no marco dos ‘Xantares Biocientíficos’ de BioReDes

Cartaz dos 'Xantares Biocientíficos' de BioReDes progamados para o venres 15 de novembro
Cartaz dos 'Xantares Biocientíficos' de BioReDes progamados para o venres 15 de novembro
O catedrático da USC Santiago Pereira Lorenzo ofrece este venres, ás 13.00 horas, no Cactus, unha charla sobre a primeira análise xenética dos castiñeiros monumentais
Lugo

Os castiñeiros senlleiros do sur de Europa serán obxecto de debate na sesión dos ‘Xantares Biocientíficos’ de BioReDes que se desenvolverá este venres 15 de novembro, a partir das 13.00 horas, no edificio Cactus do campus de Lugo, un foro no que o catedrático do Departamento de Produción Vexetal e coordinador do grupo Agronomía da USC, Santiago Pereira Lorenzo, presentará os resultados da primeira análise xenética de castiñeiros monumentais (Castanea sativaMill) desenvolvida na Península Ibérica e en Italia co obxecto, entre outros, de afondar no coñecemento do efecto do enxerto no proceso de domesticación do castiñeiro, así como investigar os impactos da selección temperá na mellora da diversidade xenética.

Os ‘Xantares Biocientíficos’ constitúen unha iniciativa promovida pola Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC BioReDes para favorecer o intercambio e o debate científico. Esta iniciativa de divulgación de ideas científicas e de posta en común das liñas de I+D nas que se está a traballar desde o Campus Terra da USC é aberta á participación de todo o público interesado. Unha vez rematada a charla e o posterior coloquio co público presente, as persoas asistentes poderán compartir uns petiscos por xentileza de Panadería da Cunha.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2019.