Ir o contido principal

Un catálogo perpetúa o legado recollido na mostra ‘Valle-Inclán íntimo’

Detalle da exposición exhibida no Colexio de Fonseca a comezos de ano
Detalle da exposición exhibida no Colexio de Fonseca a comezos de ano
Ao longo de 304 páxinas, o volume reproduce parte do material documental exhibido na exposición homónima incluíndo cadros, mobiliario e outros obxectos persoais de Valle-Inclán

Logo da súa estadía no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca a comezos deste ano, o patrimonio artístico e persoal de Valle-Inclán volve estar de actualidade coa publicación do catálogo homónimo da exposición, Valle-Inclán íntimo.  O novo volume reproduce nas súas 304 páxinas “da forma máis fiel posible a propia exposición para perpetuar o que por definición é efémero”, explica a profesora Margarita Santos Zas, comisaria da mostra xunto a José Manuel López Vázquez e Javier del Valle-Inclán Alsina.

A exposición mostraba unha parte dos cadros, esculturas, mobiliario e outros obxectos artísticos, decorativos e persoais pertencentes a Josefina Blanco e Ramón del Valle-Inclán, ademais dunha selección de exemplares dedicados ao autor. Parte deste conxunto patrimonial queda recollido na súa integridade en imaxes acompañadas dun extenso estudo introdutorio bilingüe dos tres editores e comisarios, xunto con textos explicativos procedentes de cada unha das súas cinco seccións e dous índices onomásticos.

Completando o conxunto, o catálogo inclúe un código QR que enlaza  cun vídeo realizado polo Servizo de Medios Audiovisuais da USC (SERVIMAV) e que permite unha visita virtual á instalacións realizada no Colexio de Fonseca entre febreiro e abril de 2023.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2023.