Ir o contido principal

A Cátedra do Camiño premia a análise dun códice italiano do século XIV

Cátedra do Camiño e das Peregrinacións
A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, cuxa creación é froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, convoca anualmente este galardón dotado con 500 euros, co obxectivo de fomentar o coñecemento histórico e actual da ruta xacobea. FOTO: Santi Alvite
A estudante italiana de orixe galega Vitoria Laudisio Neira foi recoñecida no marco do IV Premio a Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Máster sobre a ruta xacobea
Santiago de Compostela

A análise dun códice italiano do século XIV realizada por Vitoria Laudisio Neira acaba de ser recoñecida co IV Premio a Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Máster sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións. Baixo o título La legenda di San Giacomo Maggiore nel Leggendario Angioino Ungherese: una lettura agiografica, codicologica e storico-artistica, esta alumna italiana de orixe galega desenvolveu o seu traballo fin de mestrado no Dipartimento di Scienze Storiche e dei Beni Culturali da Universidade de Siena. A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, cuxa creación é froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, convoca anualmente este galardón dotado con 500 euros, co obxectivo de fomentar o coñecemento histórico e actual da ruta xacobea.

O Leggendario Angioino Ungherese é un “suntuoso códice italiano do século XIV, ilustrado con 72 espléndidas miniaturas que representan a Vida do Apóstolo Santiago o Maior, a súa Paixón en Xerusalén, a traslatio do corpo a Galicia e as Milagres post mortem, moitas delas con peregrinos”, explica Vitoria Laudisio Neira. O TFM estuda as diferenzas entre as devanditas miniaturas e a Lenda dourada de Jacopo della Voragine, considerada ata o de agora como a súa principal fonte literaria. Así, a autora reflexiona sobre a posibilidade doutras fontes haxiográfico-literarias alternativas.

Igualmente analiza como o culto a Santiago no Reino de Hungría tivo o seu momento cume durante o goberno dos Anjou, entre os séculos XIV e XV, aínda que non se coñeza aínda o motivo. “Laudisio defende que o comitente do manuscrito podería ser Giacomo da Piacenza, médico da corte e bispo de diversas localidades húngaras. Pon de relevo a bibliofilia do prelado Giacomo e o seu contacto coas escolas miniaturistas boloñesas, así como co comercio de libros organizado en Aviñón, entón corte papal”, sinala a premiada. Por fin, o TFM reflexiona sobre como foi confeccionado o manuscrito e propón unha nova identificación das mans iluminadoras e sobre a organización do traballo no taller. “As miniaturas de Santiago o Maior no Lendario Húngaro dos Anjou son dunha importancia única na arte xacobea medieval xa que constitúen o único testemuño completamente ilustrado da lenda popular”, engade.

Currículo

Vitoria Laudisio Neira é graduada en filoloxía italiana medieval pola Università degli Studi di Siena e cursou un máster en Historia da Arte Medieval na mesma institución. “Malia que a súa traxectoria universitaria desenvolveuse en Italia, as súas raíces galegas teñen gran importancia na elección dos temas de estudo, pois a presenza de imaxinarios sobre o Camiño e do culto ao Apóstolo acompáñana dende a súa infancia”, explica o profesor Miguel Taín, director da Cátedra que outorga o premio. De feito, foi durante a súa estancia Erasmus+ na USC (2019-2020) cando puido profundar nestes coñecementos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2021.