A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións fai balance da súa actividade
A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, que dirixe o profesor Domingo González Lopo, fixo este mércores balance das actividades desenvolvidas este ano á vez que presentou o Congreso Internacional ‘O Ano do Patrimonio Cultural Europeo e o Camiño de Santiago que, organizado en colaboración co Grupo Compostela de Universidades (GCU), se desenvolverá entre os vindeiros días 22 e 23.
Xunto coa USC, promoven esta cátedra a Catedral de Santiago e Turismo de Galicia, que na presentación estiveron representadas polo deán da Catedral e co director da Cátedra, Segundo Pérez, e polo xerente da S. A. Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela.
No acto, que tivo lugar no Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos, o profesor González Lopo estivo acompañado tamén polas persoas beneficiarias das dúas bolsas de investigación da Cátedra, a lucense Estefanía López Salas para un estudo sobre os hospitais do Camiño e o portugués Carlos Manso Gomes sobre a demarcación do Camiño Interior Portugués (Viseu-Chaves).
Por outra banda, das catro candidaturas presentadas ao Premio de Investigación da Cátedra, resultou gañadora Antonella Palumbo, pola súa tese defendida na Universitá degli Studi “G. d´Annunzio” Chieti-Pescara titulada ‘Peregrinatio ad limina Sancti Jacobi et Sancti Michaelis Achangeli: differenze e analogie nei culti di San Giacomo il Maggiore e San Michele Arcangelo’.
O profesor Lopo deu conta ademais do II Seminario Internacional ‘Diversas visións do culto e a devoción xacobea en Europa’ no que interviñeron especialistas de calado como Robert Maxwell, Paolo Ascagni, Elisardo Temperán e Marco Giacintucci. As próximas conferencias previstas serán as de Philippe Piccone, en outubro, e Marta Cendón en novembro.
Así mesmo, nestes meses a Cátedra participou en varios congresos e encontros como o I Foro Internacional Universitario ‘O valor dos dereitos humanos no Camiño de Santiago’ organizado por University Network Helsinki-España e GCU, o V Congreso Internacional de Medio Ambiente e Saúde na Era do Desenvolvemento Sostible ou a 10th Annual International Religious Tourism and Pilgrimage (IRTP) Conference na que o responsable da Cátedra presentou o documental Camino de Compostela (1951) e dirixiu o debate posterior.
Congreso internacional A Facultade de Xeografía e Historia acollerá próxima semana a segunda edición do Congreso Internacional ‘O Ano do Patrimonio Cultural Europeo e o Camiño de Santiago, organizado en colaboración co CGU e a Cátedra d’Estudis Juridics Locals Marius Viadel i Martin, e que contará con conferenciantes chegados de moitas partes de Europa.
O encontro, que se inaugurará o martes 23 ás 9.30 horas no Paraninfo da Universidade, terá como tema de fondo o Ano do Patrimonio Cultural Europeo e o Camiño de Santiago.
A Cátedra O 19 de agosto de 2016 asinouse o convenio de colaboración entre a USC, a Axencia de Turismo de Galicia e a S.A.M.I. Catedral de Santiago para a creación da Cátedra Camiño de Santiago e as Peregrinacións, cuxo obxectivo é fomentar a investigación, docencia e difusión dos coñecementos do Camiño de Santiago así como difundir os valores asociados coa peregrinación.