Ir o contido principal

A Cátedra de Emprendemento Social da USC axuda cun curso a profundar no mentoring

Co obxecto de pór en valor a experiencia profesional dos seus egresados e egresadas e guiar o estudantado do Máster en Enxeñaría Matemática e do novo Máster de Matemática Industrial, a Cátedra de Emprendemento Social da USC organiza este venres 12 un curso de Mentoring na Facultade de Matemáticas. Con asistentes de Quilmes (Arxentina) e Derby (Reino Unido), así como do Departamento de Matemática Aplicada e do Servizo de Apoio ao Emprego e Emprendemento da USC, o curso iniciarase ás 10.00 horas na aula 5 do centro coa presenza do vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; a decana de Matemáticas, Victoria Otero Espinar; e a directora da Cátedra de Emprendemento Social e coordinadora na USC do máster, Elena Vázquez Cendón. Trátase coa xornada de facilitar unha serie de ferramentas útiles que axuden a futuros mentores e mentoras a crear e fomentar relacións de aprendizaxe baseadas no descubrimento persoal, a motivación, o compromiso e o respecto. A sesión correrá a cargo de Charo Pita, actriz especializada en storytelling (contacontos), de InstitutoBenPensante. Licenciada en Filoloxía Hispánica, é especialista en comunicación en público e narradora-tradutora xunto co contador inglés Tim Bowley.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.07.2013.