Ir o contido principal

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia bota a andar

O seu calendario de actividades comezará o próximo luns coa lección inaugural

A USC sumouse hai cinco anos ás universidades Complutense e de Sevilla, primeiras de España que incorporaron aos plans de estudo das súas Facultades de Medicina docencia sobre hidroloxía médica, entendéndoa como a especialidade médica que estuda as accións das augas sobre o organismos e a súa aplicación con fins terapéuticos. Agora, a institución docente compostelá dá un paso máis coa creación da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, presentada este venres en rolda de prensa.
Na presentación, compareceron o vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino; o director da Cátedra, Juan Gestal Otero; e o presidente da Asociación de Balnearios de Galicia, Rafael Luaña; xunto aos que tamén estiveron o decano da Facultade de Medicina, José M. Fraga, e o co-director da cátedra, Luis Rodríguez Míguez.
A Cátedra iniciará o vindeiro luns, día 1 de marzo, a súa actividade académica cun acto no que o profesor Luis Rodríguez Míguez pronunciará a lección inaugural sobre ‘O termalismo en Galicia de cara ao século XXI’. Será a partir das 19:00 horas na Aula Castelao da Facultade de Medicina. Esta xornada coincide ademais co inicio das clases de ‘Hidroloxía Médica’, materia de libre configuración xa asentada na oferta docente da Facultade de Medicina que contará este ano con 116 estudantes.
Actividades para 2010Fomentar a docencia, investigación e difusión dos coñecementos no campo da Hidroloxía Médica é a finalidade desta cátedra institucional que a USC e a Asociación Galega da Propiedade Balnearia promoven en virtude dun convenio asinado a finais do pasado ano. A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, con sede na Facultade de Medicina e o respaldo da Secretaría Xeral de Turismo, encargarase da organización de cursos, seminarios ou conferencias; a promoción da investigación neste eido; así de favorecer a difusión e o coñecemento de todo o relacionado coas aplicacións da hidroloxía no eido da medicina.
Partindo destes obxectivos, a Cátedra vai desenvolver xa en 2010 numerosas actividades que abranguen a actividade docente de grao, posgrao e formación continua, actividade investigadora e o fomento de vocacións profesionais en Hidroloxía Médica. Deste xeito, dentro da licenciatura de Medicina impartirase a materia de libre elección ‘Hidroloxía Médica’, cun programa de estudos xa adaptado a Bolonia. Ademais está prevista a elaboración dunha monografía cos materiais docentes que sirva como guía aos estudantes.
No eido do posgrao, a Cátedra organizará en colaboración cos colexios oficiais de médicos de Galicia nas súas sedes provinciais e comarcais unhas sesións específicas dirixidas aos médicos de atención temperá. Ademais e coa finalidade de fomentar a investigación, están previstas dúas sesións monográficas organizadas por Manuel Freire Garabal que levan por lema ‘Hidroterapia, dende o empirismo á evidencia científica’. Nelas profundarase na hidroterapia como coadxuvante do cancro e na cura termal na patoloxía dermatolóxica.
Na liña de favorecer o fomento deste campo de estudo entre os estudantes de Medicina, estase a traballar con Balnearios de Galicia na creación e financiamento dunhas bolsas dirixidas a alumnos de 4º e 5º curso para a realización de estadías nun balneario de dous a tres meses no período estival, participando activamente nas actividades que se organizan nestes centros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.02.2010.