A Cátedra Institucional do Camiño galardoa os mellores traballos de fin de grao e mestrado sobre rutas xacobeas
A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC abriu xa o prazo para presentar candidaturas para obter algún dos galardóns destinados a premiar traballos académicos de fin de grao ou de mestrado sobre as rutas xacobeas, así como para solicitar axudas para desenvolver proxectos de investigación sobre o mesmo ámbito ou optar ao Premio de Investigación para estudos sobre as peregrinacións e os camiños a Compostela.
No VII Premio a Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Máster sobre o Camiño de Santiago 2024 o prazo de presentación de solicitudes comezou o día 2 de febreiro e finaliza o día 8 de outubro. Poderán presentarse a este premio estudantes que defenderan durante o curso académico 2023/2024 un Traballo de Fin de Grao (TFG) ou un Traballo de Fin de Máster (TFM), ou equivalentes, en calquera universidade española ou estranxeira, que tivera como tema de estudo o Camiño de Santiago e as Peregrinacións baixo diversos aspectos (históricos, culturais, xeográficos, turísticos…), e que tiveran acadado a máxima cualificación académica (sobresaliente) por parte das respectivas comisións. É condición inescusable para seren aceptados á consideración polo xurado que os traballos non foran premiados con anterioridade.
As persoas que realizan investigacións sobre as rutas xacobeas tamén teñen abertos os prazos para solicitar as axudas ou presentar traballos para optar aos galardóns que concede a Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC. No caso da VII Convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións 2024, o prazo de presentación de solicitudes comeza o día 2 de febreiro e finaliza o día 1 de marzo e o período de execución dos proxectos de investigación será o comprendido entre o 1 de setembro de 2024 e 30 de novembro de 2024. As axudas que se concedan de conformidade a esta convocatoria serán tres como máximo, e cun importe máximo para cada axuda de 2.000 euros.
Finalmente, no VII Premio de Investigación sobre o Camiño de Santiago e das Peregrinacións 2024 o prazo de presentación de solicitudes comeza o día 2 de febreiro e finaliza o día 1 de abril. Poderán presentarse a estes premios persoas de nacionalidade española ou estranxeira que publicaran durante o ano 2023 un traballo en formato de libro de autoría individual e/ou colectiva, ou defenderan unha tese de doutoramento, que tivera como tema de estudo o Camiño de Santiago ou as Peregrinacións baixo diversos aspectos (históricos, culturais, xeográficos, turísticos…). Para seren aceptados á consideración polo xurado, os traballos non poden ter recibido ningún premio anteriormente.