A Cátedra Institucional Castelao da USC presenta en formato podcast unha recreación sonora do ‘Alba de Gloria’

‘Alba de Gloria’, pronunciado por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en Bos Aires o Día de Galicia de 1948, é considerada o cumio da oratoria en lingua galega, e constitúe a última alocución pública de Castelao de certa entidade antes do seu pasamento no exilio bonaerense, nos inicios de 1950. Agora, a Cátedra Institucional Castelao da Universidade de Santiago de Compostela vén de presentala nunha recreación sonora en formato podcast.
A disertación de Castelao, pronunciada ante unha audiencia enfeitizada de galegos da emigración e do exilio, comeza cunha evocación da festa do 25 de xullo en Galicia. A seguir, desenvólvese unha longa procesión da Compaña de galegos inmortais, grandes figuras da historia, e cando esta acaba de pasar, proxéctase a visión dunha “infinda moitedume de luciñas e vagalumes”, “ánimas sen nome” que crearon o idioma, a cultura e o feito diferencial de Galicia, colocando o foco sobre o pobo miúdo como creador, depositario e custodio fiel dos principais elementos que configuraron a identidade nacional de Galicia. O discurso remata cun envío a todos os galegos da diáspora americana.
“Asumida a derrota, abandonadas as expectativas dunha pronta recuperación da democracia e dun retorno á Galicia, Castelao é consciente de que nunca volverá á súa terra, mais envía unha mensaxe de esperanza cara ao porvir do país, fundada nunha confianza inabalable na capacidade do pobo galego para resistir e para rexurdir”, explica o director da Cátedra Institucional Castelao da USC, o profesor Henrique Monteagudo, que tamén intervén ao comezo do podcast.