Ir o contido principal

A Cátedra Institucional Vida Saudable galardoa catro TFG e catro TFM innovadores

Os premios galardoan traballos sobre o estilo de vida saudable. FOTO: Santi Alvite
Os premios galardoan traballos sobre o estilo de vida saudable. FOTO: Santi Alvite
Sheila Ares Maneiro recibiu o primeiro premio na modalidade TFG por 'Motivacións para consumir alcohol dende a perspectiva da
poboación adolescente' e Andrea Pérez Rivas obtivo o primeiro na modalidade TFM por 'Análise e descrición do hábito tabáquico da poboación adulta nova. Implicacións para o deseño de futuras intervencións psicolóxicas de saúde móbil para deixar de fumar'

A Cátedra Institucional Vida Saudable da USC publicou a resolución provisional da concesión do I Premio a TFG e TFM. Na modalidade de traballos de fin de grao (TFG) obtivo o primeiro premio Sheila Ares Maneiro, polo traballo: 'Motivacións para consumir alcohol dende a perspectiva da poboación adolescente'; o segundo premio foi para Pablo Chico Vigo por 'Adquisición de hábitos de alimentación saludable en personas con Síndrome de Down: Proyecto CHAS-Down. Desde la inteligencia artificial y el asesoramiento interactivo a la mejora de la calidad de vida'; o terceiro foi para Alba Puertas Barriada, por 'Propuesta didáctica para la prevención del sobrepeso y la obesidad infantil a través de la alimentación y la actividad física, en colaboración con las familias del alumnado'; o cuarto e último foille concedido a María Velasco Pardo por 'Razones por las que los consumidores duales de cigarrillo electrónico y tabaco convencional inician o mantienen el consumo dual. Una revisión sistemática'.

No caso dos traballos de fin de mestrado (TFM) o primeiro premio foi para Andrea Pérez Rivas por 'Análise e descrición do hábito tabáquico da poboación adulta nova. Implicacións para o deseño de futuras intervencións psicolóxicas de saúde móbil para deixar de fumar'; o segundo foi para Carlos Dopico Casal por '(Des)Conecta: Eficacia de un programa breve de mindfulness y autocompasión en línea para la mejora del bienestar psicológico de las personas trabajadoras'; o terceiro obtívoo Guadalupe García, por 'Conflictos de interés y calidad de los ensayos clínicos sobre fórmulas infantiles: una revisión sistemática'; e o cuarto recaeu en Ananta Díaz Hernández por 'Consumo de alcohol en el embarazo: detección y prevalencia'.

Cada autor ou autora dun TFG premiado recibirá 350 euros, mentres que cada autor ou autora dun TFM premiado obterá 600 euros. Na valoración destes traballos tívose en conta a súa orixinalidade, as novidades das súas achegas, a actualidade e a calidade da metodoloxía, as calidades formais dos textos e a bibliografía empregada.

Os premios foron convocados pola Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación da USC a través da Cátedra Institucional Vida Saudable co obxectivo de fomentar a difusión, o coñecemento e a práctica dun estilo de vida saudable. A Cátedra é financiada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

O director da Cátedra, Francisco Caamaño, salientou que nesta primeira edición se recibiron case trinta traballos "de gran calidade" desde "as tres universidades públicas galegas" e que houbo moita diversidade na súa procedencia, participando alumnado de diversas facultades, como Psicoloxía, Enfermaría, Farmacia, Medicina e mesmo a Escola de Profesorado de Lugo.

Puideron presentarse a este certame traballos das tres universidades públicas galegas que abordasen o estudo dos estilos de vida saudables, nomeadamente o impacto neles de factores como tabaco, alcohol, dieta, exercicio físico, sono saudable e benestar emocional tanto dende as Ciencias da Saúde, como das Ciencias, Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, ou Enxeñería e Arquitectura. O prazo de presentación de candidaturas rematou o 6 de outubro. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.12.2023.