Ir o contido principal

A nova Cátedra Institucional Vida Saudable premiará os TFG e TFM que aborden os estilos de vida sans

O TFG ou TFM deberá estudar ou analizar aspectos dende a epidemioloxía, os factores explicativos, as estratexias de intervención ou os condicionantes legais, socioeconómicos ou culturais. FOTO: Santi Alvite
O TFG ou TFM deberá estudar ou analizar aspectos dende a epidemioloxía, os factores explicativos, as estratexias de intervención ou os condicionantes legais, socioeconómicos ou culturais. FOTO: Santi Alvite
Aberto a todas as áreas do coñecemento, o certame admite recepción de traballos ata o 6 de outubro
Lugo, Santiago de Compostela

Co obxectivo de fomentar a difusión, o coñecemento e a práctica dun estilo de vida saudable, a Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación acaba de convocar a primeira edición do premio a Traballos Fin de Grao (TFG) e Fin de Mestrado (TFM) da Cátedra Institucional Vida Saudable. Poderán presentarse a este certame traballos das tres universidades públicas galegas que aborden o estudo dos estilos de vida saudables, nomeadamente tabaco, alcohol, dieta, exercicio físico, sono saudable e benestar emocional tanto dende as Ciencias da Saúde, como das Ciencias, Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, ou Enxeñería e Arquitectura. O prazo de presentación de candidaturas rematará o 6 de outubro. 

O TFG ou TFM deberá estudar ou analizar aspectos dende a epidemioloxía, os factores explicativos, as estratexias de intervención ou os condicionantes legais, socioeconómicos ou culturais, e deberá ter acadado unha cualificación igual ou superior a 8,5. É condición inescusable para os traballos presentados non ter obtido ningún premio anteriormente.

O xurado valorará a orixinalidade do traballo (25%), as novidades das súas achegas ao coñecemento dos temas estudados (25%), a actualidade e calidade da súa metodoloxía (25%), as calidades formais dos textos como é o caso da calidade da redacción, xeito de presentar e estruturar a información e calidade do aparato gráfico, no caso de existir (15%), así como a  relevancia e actualidade da bibliografía citada (10%). 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.07.2023.