Ir o contido principal

A Cátedra Jaime Vera da USC premia un proxecto pioneiro que emprega a piscicultura como terapia ocupacional e de responsabilidade ambiental en Proxecto Home

Resolto o I concurso de Accións Sostibles de Emprendemento Social, ao que concorreron 26 iniciativas

Prestar asesoramento científico-técnico á comunidade terapéutica do Proxecto Home na creación e mantemento dunha pequena piscifactoría de troitas situada nas instalacións que a entidade ten en Cernadas-Portomouro (Val do Dubra) é o cometido dun innovador proxecto liderado dende a Estación de Hidrobioloxía 'Encoro do Con' e que a Cátedra Jaime Vera vén de recoñecer co primeiro premio do seu I Concurso de Accións Sostibles de Emprendemento Social (ASES).
A dirección da Cátedra mostrouse moi satisfeita pola cantidade e a calidade dos proxectos presentados -19 do Campus de Santiago e 7 de Lugo-, dos que o 65 por cento foron promovidos por mulleres, pertencentes a todas as áreas de coñecemento, aínda que mostrándose un predominio das Ciencias Xurídicas e Sociais e das Experimentais. As accións premiadas participarán agora no Taller en Rede de Emprendemento Social (TRES) para fornecer así o seu propio deseño integral.
Proxecto pioneiroReunido este mércores na Facultade de Matemáticas, o xurado do concurso valorou entre os 26 proxectos presentados o carácter pioneiro dunha iniciativa promovida polo profesor Fernando Cobo que presenta unhas “indiscutibles vantaxes” introducindo por vez primeira en terapia a utilización de peixes.
Trátase de transferir coñecementos acerca da cría da especie, instalacións e rendibilidade pero tamén, asesorados polo persoal da Estación de Hidrobioloxía da USC 'Encoro do Con', achegar aos participantes á bioloxía da fauna e flora dos ecosistemas acuáticos continentais galegos e así sensibilizalos sobre as ameazas á súa biodiversidade e a necesidade da súa conservación.
Iniciar na actividade investigadoraO segundo premio recaeu no Programa INITIA que dirixe o profesor de Lugo Urbano Fra, unha acción que busca iniciar na actividade investigadora aos alumnos e alumnas de ensino secundario en situación social desfavorecida. Esta iniciativa, que comezou no curso 2007-2008 con dez profesores da USC e nove centros de ensino secundario da cidade luguesa, desenvólvese nos laboratorios e centros de investigación onde son titorizados por profesores e investigadores universitarios.
PadriñazgoCanalizar parte do movemento de voluntariado da USC para transformalo nun factor de protección para adolescentes en risco de inadaptación social é a pretensión do Programa Padriñazgo que, promovido pola estudante de terceiro ciclo de Psicoloxía Olaia Bajo, acadou o terceiro premio do concurso.
O principal obxectivo é promover a resiliencia social destes rapaces a través da introdución nas súas vidas de referentes prosociais que establezan unha relación positiva e de confianza con eles e que fomenten a súa motivación. Os adolescentes seleccionados e os voluntarios, despois de recibir a formación pertinente, pasarán a desenvolver durante seis meses o proxecto contando coa supervisión e seguimento necesarios para acadar as metas propostas.
GranxafamiliarPor último, o xurado decidiu conceder un accésit ao proxecto Granxafamiliar.com que dirixe o profesor Carlos Ferrás e que pretende impulsar o desenvolvemento social, económico e cultural no medio rural galego a través dun traballo directo coas familias produtoras na promoción dos produtos galegos de calidade que se ofertan e que os clientes poden apreciar in situ visitando as granxas.
XuradoÁ fronte do xurado desta primeira edición do concurso estivo o presidente do Consello Social, Manuel Puga; e formaron tamén parte del a presidenta do Consello Galego da Xuventude, María Dolores Rodríguez; a concelleira de Servizos Sociais de Santiago, Mar Martín; a técnica da Axencia de Desenvolvemento Local do Concello de Lugo, Paula Gamazo; o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o coordinador do Servizo de Participación e Integración Universitaria, Javier Fernández; a estudante de terceiro ciclo Ana Paula Losada; e a directora da Cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social da USC, Elena Vázquez Cendón.
Cátedra Jaime VeraA Cátedra Jaime Vera constituíuse na USC en xaneiro de 2008 co obxecto de fomentar a docencia, a investigación e a difusión do coñecemento no ámbito do emprendemento social referido á creación e liderado de organizacións, compañías e proxectos cun propósito que, máis aló da rendibilidade do capital, diríxese cara o desenvolvemento do seu contorno.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2009.