A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC publica o terceiro volume ‘Valente vital’, referido á etapa final do poeta
A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, dirixida polo escritor Claudio Rodríguez Fer, vén de publicar o libro Valente vital (Magreb, Israel, Almería), sobre a etapa final do citado poeta. Este terceiro volume é a continuación da serie iniciada por Valente vital (Galicia, Madrid, Oxford), sobre a súa infancia e mocidade, e Valente vital (Xenebra, Saboia, París), sobre a súa madurez.
Trátase dun monumental conxunto de investigacións de primeira man, debido ás entrevistas co autor, aos numerosos testemuños persoais obtidos en moi diversos lugares e ao enorme arquivo conformado pola gran biblioteca do poeta, decenas de dosieres temáticos e miles de cartas inéditas, todo custodiado na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC e recollido en tres volumes que suman xa ao redor de mil cincocentas páxinas.
O último volume da serie, Valente vital (Magreb, Israel, Almería), trata dos espazos do Magreb e de Israel que visitou o poeta, analizados por Claudio Rodríguez Fer; das culturas árabe e xudía coas que se familiarizou, do que se ocupou Manuel Fernández Rodríguez, e do período final da súa vida, radicado fundamentalmente na cidade de Almería, que correu a cargo de Fernando García Lara.
O tomo inicial, correspondente ao primeiro Valente, tratou da súa infancia e mocidade en Galicia, da súa etapa universitaria en Madrid e do seu trienio profesoral de Oxford, respectivamente estudados por Claudio Rodríguez Fer, Marta Agudo e Manuel Fernández Rodríguez. No segundo tomo tratouse da súa etapa máis extensa, correspondente ás domiciliacións do poeta en Suíza e na Alta Saboia francesa, seguidas da de París: os dous primeiros espazos estiveron a cargo de Claudio Rodríguez Fer e Tera Blanco de Saracho, mentres que do terceiro se ocupou María Lopo.
Os tres libros contan con ilustracións orixinais en cuberta de artistas en sintonía coa estética de Valente; así a do primeiro é de María José Santiso; a do segundo, de Baruj Salinas, e a do terceiro é obra de Lola Valls.