A cátedra José Ángel Valente da USC publica unha biografía da madurez do poeta en edición de Claudio Rodríguez Fer
A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC vén de publicar, a través do Servizo de Publicacións da USC, Valente vital (Ginebra, Saboya, París). Esta biografía da madurez do poeta, editada polo propio director da cátedra, o poeta, profesor e estudoso valentista Claudio Rodríguez Fer, é o resultado dunha longa investigación na vida e na obra do escritor ourensán, para cuxa elaboración os autores dispuxeron da biblioteca e do arquivo do autor estudado, consistente en decenas de dosieres, centos de manuscritos e más de dez mil cartas, aparte de numerosas entrevistas con parentes e amigos.
Valente vital (Ginebra, Saboya, París), cuxa autoría responde a Rodríguez Fer, Tera Blanco de Saracho e María Lopo, aborda o período de madurez do poeta proseguindo o camiño iniciado por Valente vital (Galicia, Madrid, Oxford). A nova obra componse de máis de cincocentas páxinas presididas polo logotipo cedido por Antoni Tàpies á Cátedra Valente da USC e por un debuxo de Baruj Salinas, dous pintores amigos e colaboradores do poeta. Rodríguez Fer e Tera Blanco de Saracho ocúpanse nesta obra do máis dun cuarto de século pasado por Valente en Xenebra e na Alta Saboia francesa mentres exerceu como funcionario internacional da OMS. Ademais, María Lopo investiga a época pasada en París, onde o poeta dirixiu servizos de tradución da Unesco, e as súas ramificacións en Francia. Unha parte desta biografía da madurez de José Ángel Valente dedicada a Xenebra trata a participación de Valente nos organismos internacionais e na vida cultural e artística de Suíza, pero tamén son importantes as relacións persoais con decenas de escritores españois e hispanoamericanos, algunhas tan significativos como Cortázar, Costafreda, Calvert Casey ou Westphalen. Esta obra ofrece ademais detallada conta do maxisterio exercido sobre el polo exiliado Alberto Jiménez Fraud, fundador da Residencia de Estudiantes, e pola filósofa tamén exiliada María Zambrano, cuxa relación foi decisiva para ambos. Valente vital (Ginebra, Saboya, París) trata tamén asuntos sociais e políticos de especial transcendencia, como relación de Valente coa oposición antifranquista, tanto a través da memoria histórica (maquis español, brigadismo internacional) como da participación directa (exilio e solidariedade política antifascista, colaboración cos emigrantes galegos), contexto no que se documenta con material de primeira man o consello de guerra ao que foi sometido pola ditadura franquista, único causado por un escrito literario. A parte dedicada a París comeza polo intenso impacto producido pola primeira visita do poeta a dita capital cultural europea na súa xuventude, para logo relatarse os contactos que mantivo nela durante décadas co editor José Martínez e as Ediciones de Ruedo Ibérico e con amigos escritores tan íntimos como Juan Goytisolo ou José-Miguel Ullán. Especial atención merece a instalación e relacións de Valente en París como funcionario da UNESCO, onde coñeceu ao poeta arxentino e permanente amigo Juan Gelman.