Ir o contido principal

A Cátedra Juana de Vega da USC organiza o congreso internacional 'A guerra da Independencia e o primeiro liberalismo en España e América'

A Cátedra Juana de Vega de Formación e Investigación da USC organiza o congreso internacional ‘A guerra da Independencia e o primeiro liberalismo en España e América’ que se vai celebrar no Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña (Palexco) entres os días 16 e 18. A inauguración do encontro celebrarase ás 10:00 horas coa presenza, entre outros, do vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto.
O congreso pretende propiciar unha reflexión ampla e xeral sobre a Guerra da Independencia, xusto cando se cumpren os douscentos anos do seu comezo e dende o recoñecemento ao seu carácter como fito inaugural da contemporaneidade tanto en España como na América hispana. Nas sesións previstas reflexionarase sobre a súa transcendencia e impacto na configuración dunha nacente cultura política liberal en España e América hispana, así como na creación de inéditos sentimentos de pertenza nacional.
Como encontro especializado, ofrecerá un espazo para a presentación dos máis recentes debates, estudos e tendencias na investigación tanto da guerra como dos primeiros liberalismos, ao tempo que se facilitará o encontro de investigadores de alto nivel científico nun marco definido polo seu carácter internacional, con presenza de historiadores procedentes de universidades e centros de investigación españois, europeos e americanos.
A conferencia inaugural do programa correrá a cargo do profesor da Universidade de California Tulio Halperin, co título ‘Crise da Monarquía Hispana e nacemento do Liberalismo’. No programa desta primeira xornada as distintas intervencións previstas profundarán en aspectos relacionados cos temas ‘Liberalismo e España’ e ‘Crise da Monarquía e Guerra da Independencia’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.07.2008.