A Cátedra do Pan e do Cereal da USC inaugura a serie Recursos Alimentarios do Ibader cunha monografía do pan e cereal do país
O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC inaugura a serie editorial Recursos Alimentarios-Monografías do Ibader coa publicación do libro ‘Respostas ás preguntas sobre o pan e o cereal do país’. Esta obra de carácter monográfico está coordinada pola directora da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, Ángeles Romero, xunto co tamén catedrático da USC Santiago Pereira Lorenzo, e recolle as respostas de profesionais e investigadores a cuestións expostas desde a cátedra institucional adscrita ao Campus Terra da USC.
A obra constitúe un compendio de información referida ás castes do cereal e á terra como elementos que, nun contexto agroecolóxico, condicionan a calidade do pan do país, así como achegas referidas ás orixes do pan autóctono e da biodiversidade dos cereais que fornecen os fornos en Galicia. Impresións e sensacións respecto do pan, alternativas viables para afrontar os retos dun futuro sen glute e opinións de panadeiros, consumidores, chefs e comunicadores completan os contidos da primeira monografía da serie Recursos Alimentarios que vén de editar o Ibader.
Esta nova publicación incide na importancia das tradicións herdadas nunhas castes de trigo autóctono para elaborar pan galego, ao tempo que fai un chamamento a mellorar este legado para modernizar o cultivo sen diminuír a biodiversidade. Ademais, o libro convida, a través dunha achega de Beatriz Omil e Agustín Merino, a manter os pés na terra e reflexionar así sobre a necesidade de conservar a fertilidade do solo para remitir a perda de terra agraria.
A directora da Cátedra do Pan e do Cereal da USC sinalou na presentación, un acto no que tamén participaron a adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, e o director do Ibader, Pablo Ramil, que esta monografía axuda a entender que cun manexo ecolóxico, ao que poden contribuír as rotacións de cultivos, no solo se conserva o solo, senón tamén o ecosistema no que as castes tradicionais expresan todo o seu potencial e permiten así a presenza de insectos beneficiosos para o medio ambiente.
O valor intrínseco que representa o pan na dieta galega como alimento que ofrece un gran abano de posibilidades en diferentes situacións e estados fisiolóxicos, e mesmo a súa capacidade para adaptarse ás necesidades específicas das persoas celíacas, constitúen outras das achegas compiladas nesta monografía científica, na que tamén se salienta que é posible medir as características do pan a través dos sentidos, un feito xa constatado a través do panel de catadores deste produto impulsado e adestrado a iniciativa da Cátedra do Pan e do Cereal da USC.
O acto de presentación desta nova publicación congregou este venres no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural do campus de Lugo da USC un nutrido grupo de asistentes, entre os que se atopaba Manuel Dacunha, propietario do grupo empresarial Panadería Dacunha. A sesión tamén serviu para tributar un emotivo homenaxe a Mª Cruz Pascual López en agradecemento ao seu traballo na secretaría da Cátedra do Pan e do Cereal da USC.
Portada do libro Asistentes á presentación da obra ‘Respostas ás preguntas sobre o pan e o cereal do país’
