Ir o contido principal

A Cátedra do Pan e do Cereal da USC organiza o primeiro panel profesional de cata de pan esta semana no Campus Terra

A sesión, que contará coa presenza de Manuel da Cunha e na que intervirán 12 persoas previamente adestradas, desenvolverase o xoves 26 na Facultade de Veterinaria

A Cátedra do Pan e do Cereal da USC desenvolverá o vindeiro xoves 26 de xaneiro o primeiro panel profesional de catadores de pan no Campus Terra da USC. Esta xornada, que estará guiada pola catedrática da área de Tecnoloxía de Alimentos da USC e directora da primeira cátedra universitaria ligada ao Campus Terra, Ángeles Romero, e por Belén García Gómez, contará coa presenza de Manuel da Cunha, de Panadería Da Cunha, ademais das 12 persoas previamente seleccionadas e formadas para este proceso de cata.

A sesión de cata comezará ás 12.00 horas e desenvolverase na sala de catas da Facultade de Veterinaria de Lugo. Manuel Da Cunha, quen achegará ao panel de catadores as distintas variedades de pan para a súa análise sensorial, abrirá a sesión cunha breve indicación relativa ás características dos produtos e que logo serán contrastadas cos resultados emitidos polos integrantes do panel de catadores. O obxectivo deste primeiro panel profesional de catadores de pan pasa por elaborar unha ficha de cata o máis versátil posible, segundo indicou Ángeles Romero. A directora da Cátedra do Pan e do Cereal da USC sinalou, sen embargo, que esta primeira sesión podería completarse, de ser o caso, con novas xornadas de análises sensoriais ou con paneis de cata doutros produtos derivados do pan.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2017.