A Cátedra de Transición Enerxética Genesal Energy reivindica o papel da muller no sector da enerxía
Sete mulleres con distintos cargos de responsabilidade na industria enerxética foron as protagonistas este mércores na Escola Técnica Superior de Enxeñaría do I Seminario Mulleres STEM e Transición Enerxética: acelerando o cambio cara a sustentabilidade, organizado pola Cátedra de Transición Enerxética USC-GENESAL ENERGY.
Rocío Vega Martínez, da área de Dixitalización de Reganosa; Beatriz Mato Otero, directora de Desenvolvemento Corporativo e Sustentabilidade de Greenalia; María Landeira Suárez, delegada en Galicia de Desenvolvemento Renovables de Naturgy; Ángeles López Agüera, profesora da Facultade de Física e investigadora do Energy Sustainable Aplications Group; Ángeles Santos Casal, directora de RRHH de Genesal Energy; Rebeca Acebrón San Miguel, CEO de Acebrón Group; e Marta Gómez Palenque, responsable de Economía Circular do Gobierno de Castela-A Mancha foron as relatoras do foro, no que se abordaron os procesos relacionados co cambio enerxético e o futuro das renovables nunha industria que aposta por abandonar os combustibles fósiles.
No transcurso da apertura do encontro, o director da Cátedra, Enrique Roca, insistiu na importancia de dar maior visibilidade ás enxeñeiras e ás profesionais dos ámbitos STEM (termo que nas súas siglas en inglés se refire ás áreas de Ciencias, Tecnología, Enxeñaría e Matemáticas) para lograr unha paridade aínda lonxana xa que, segundo os expertos, se alcanzará no ano 2050.
O seminario celebrouse na sede da Cátedra de Transición Enerxética, emprazada na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) e marcou o inicio da súa actividade académica. A Cátedra creouse o pasado mes de decembro e ten como obxectivos a promoción da colaboración pública-privada, o impulso da formación e o emprego, e espertar conciencias sobre a transición enerxética e modelos máis sustentables.