A Cátedra Unesco 226 da USC profunda na relación entre cinema e emigración no seu IV Ciclo de Conferencias
O IV Ciclo de Conferencias da Cátedra Unesco 226 da USC sobre migracións celebrarase este mércores 21 e o xoves 22 coa relación entre o cine e os movementos migratorios como eixo temático.
O profesor da USC José Mª Folgar de la Calle abrirá este mércores o programa coa conferencia ‘A emigración no cine: visións puntuais argentinas e hispanas’. A intervención desenvolverase na Aula 13 da Facultade de Xeografía e Historia a partir das 19:00 horas.
Xa o xoves 22 será a quenda do produtor e director de cine Xan Leira que disertará sobre ‘Historia dunha emigración difusa. 500 anos de emigración galega a Lisboa’ nunha sesión prevista para as 12:00 horas na Aula 8 da Facultade compostelá. Ese mesmo día pola tarde, a partir das 19:00 horas na Aula 12, celebrarase unha mesa redonda na que, ao redor do tema ‘A visión da emigración galega no cine de Chano Piñeiro’, intervirán Rita Martín Sánchez, Domingo L. González Lopo e Xan Leira.