Ir o contido principal

A Cátedra Valente da USC presenta en Humanidades o libro ‘Valente Vital (Galicia, Oxford, Madrid)’

Autores do volume biográfico coordinado por Rodríguez Fer, escritores e profesores da USC abordarán este mércores nunha mesa redonda distintos aspectos do universal poeta galego

A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela celebrará este mércores 3 de abril na Facultade de Humanidades do campus de Lugo unha xornada literaria arredor da figura e da obra deste universal escritor galego, no marco da que se presentará o libro ‘Valente vital (Galicia, Oxford, Madrid)’, un novo volume saído do Servizo de Publicacións da USC.

O poeta, profesor e director da Cátedra Valente da USC e tamén editor deste extenso volume biográfico de Valente, Claudio Rodríguez Fer, será o encargado de adiantar algunhas das achegas que recolle o volume sobre o legado literario e vital de Valente que vén de saír do prelo e do que tamén son autores os doutores Marta Agudo e Manuel Fernández Rodríguez. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, participarán na presentación do libro ‘Valente Vital (Galicia, Oxford, Madrid)’, un acto que se celebrará ás 11.0 horas no salón de graos da Facultade de Humanidades e no que tamén intervirán o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés, así como a pintora e profesora de Artes Plásticas María José Santiso, que é a autora da ilustración da cuberta do libro. Panorama literario vital O panorama literario e vital do universal poeta galego e tamén ensaísta e tradutor español José Ángel Valente, que naceu en Ourense o 25 de abril de 1929 e finou en Xenebra o 18 de xullo do ano 2000, será o eixo temático da mesa redonda que se celebrará de seguido, a partir das 12.00 horas, no propio salón de graos da Facultade de Humanidades do campus de Lugo e na que intervirán como relatores algúns dos autores do libro ‘Valente vital (Galicia, Madrid, Oxford)’ e outros profesores e estudosos da figura, da vida e do legado literario de Valente. A escritora Carmen Blanco, doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, aproveitará a súa intervención nesta mesa redonda para facer unha exposición baixo o título ‘Valente en Galicia: Alén de Rosalía’. O tamén filólogo e autor do libro Manuel Fernández Rodríguez falará da época de José Ángel Valente en Inglaterra, da súa estadía en Oxford e do exilio. Claudio Rodríguez Fer tratará de Valente en Suíza, unha intervención na que o coordinador do libro fará tamén apuntamentos da relación de Valente coas Nacións Unidas, do seu antifascismo e tamén da súa relación de amizade e desafectos con María Zambrano. A intensidade do encontro do multilingüísmo cotián co que conviviu Valente durante a súa estadía en Francia centrará a intervención nesta mesa redonda de María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade de Alta Bretaña. En sintonía coas preocupacións e escritos de Valente sobre a guerra civil española, a segunda Guerra Mundial e o nazismo, o fillo da activista antifascista Mercedes Núñez, quen logo de traballar como secretaria de Pablo Neruda en Barcelona foi presa na España de Franco e internada no campo de exterminio nazi de Ravensbrück, ofrecerá un testemuño histórico vital. Daquela, o relatorio de Pablo Iglesias Núñez, delegado da Amical de Mauthausen e outros campos de concentración nazis, servirá de colofón desta sesión de análise e debate sobre a vida e a obra de José Ángel Valente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.04.2013.