Ir o contido principal

A Cátedra Valle-Inclán conmemora cun novo volume os 100 anos da publicación de La Media Noche. Visión estelar de un momento de guerra

De esquerda a dereita, Juan Blanco, Bénédicte Vauthier, Almudena Hospido, Margarita Santos e Isabel Casal. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Juan Blanco, Bénédicte Vauthier, Almudena Hospido, Margarita Santos e Isabel Casal. Foto: Servimav-USC
A Cátedra Valle-Inclán conmemora cun novo volume os 100 anos da publicación de La Media Noche. Visión estelar de un momento de guerra

As profesoras Margarita Santos Zas, da USC, e Bénédicte Vauthier, da Universidade de Berna, presentaron este xoves en San Xerome o o volume 10 da Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán Ramón del Valle-Inclán: Un día de guerra (Visión Estelar). La Media Noche. Visión estelar de un momento de guerra do que son editoras e para o que a USC achega todo o fondo documental e bibliográfico. No acto participaron tamén a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido; a directora da Biblioteca Universitaria da USC, Isabel Casal Reyes, e o director de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés.

Neste novo libro as autoras ofrecen as edicións do inédito Un día de guerra e La Media Noche, en volumes autónomos, acompañados doutro volume de máis de 200 páxinas no que se explican os seus presupostos metodolóxicos ademais de brindar unha análise filolóxica e histórico-interpretativa dos textos. Inclúese tamén unha reprodución facsimilar dos manuscritos autógrafos, igualmente inéditos, de Un día de guerra —acompañados da transcrición diplomática—, así como das galeradas de exemplares concretos do xornal El Imparcial e outros documentos.

Correspondente de Guerra
A orixe de Un día de guerra e La Media Noche atópase na viaxe a Francia que fixo Valle-Inclán como correspondente de El Imparcial en plena Guerra Mundial. Desa experiencia vital o escritor deixou constancia nun ‘diario de viaxe’ (editado por Margarita Santos Zas en 2016), que transformaría mais tarde na obra de ficción La Media Noche. Visión estelar de un momento de guerra (1917). Este libriño é en realidade a complexa reescritura dun proxecto editorial previo ―máis concretamente da súa primeira parte― titulado Un día de guerra, que apareceu por entregas en El Imparcial en dúas partes (Media Noche e En la luz del día).

Así, en La Media Noche. Visión estelar de un momento de guerra (1917) Valle-Inclán puxo en práctica técnicas narrativas innovadoras que lle confiren un carácter vangardista e o sitúan entre os renovadores da novela do século XX. Trátase dun relato condensado de 24 horas na fronte de guerra francesa que nunca antes se publicara integramente.

As autoras
A profesora de Literatura española Margarita Santos Zas dirixe dende 1994 numerosos proxectos co grupo de investigación Valle-Inclán (GIVIUS). Directora da Cátedra Valle-Inclán da USC e coeditora da revista ALEC (Society of Spanish and Spanish-American Studies), é autora de diversas monografías e edicións de autores do século XX, destacando a súa atención á obra de Valle-Inclán, a quen lle ten dedicado congresos, seminarios, exposicións, e diversos estudos e edicións: Tradicionalismo y literatura en Valle-Inclán (1889-1910); Todo Valle-Inclán en Roma: edición, anotación, índices y facsímiles (con integrantes do GIVIUS), «Premio de Investigación Valle-Inclán» 2008; Con el alba: El Cuaderno de Francia. Manuscrito inédito de Valle-Inclán (2016), e novamente con GIVIUS ás Obras completas do escritor, das que están editadas tres volumes (Narrativa e ensayo, 2017) e no prelo os dous últimos.

Pola súa banda, Bénédicte Vauthier é catedrática de Literatura española na Universidade de Berna e directora do Instituto de Lingua e literaturas hispánicas. A súa investigación centrase na literatura española contemporánea, na teoría da literatura e da edición de manuscritos e textos de literatura española contemporánea. Ten publicados unha quincena de monografías e edicións, entre elas Amor y pedagogía, Manual de Quijotismo e Cómo se hace una novela.

A publicación que hoxe se presenta é un proxecto iniciado en 2014 grazas a unha investigación subvencionada polo FNS (Fonds National Suisse de Recherche Scientifique).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2023.