Ir o contido principal

A catedrática Alicia Estévez Toranzo gaña o premio Wonenburger 2018

A catedrática Alicia Estévez Toranzo gaña o premio Wonenburger 2018
A catedrática Alicia Estévez Toranzo gaña o premio Wonenburger 2018

A catedrática de Microbioloxía na Universidade de Santiago Alicia Estévez Toranzo acaba de gañar o premio Wonenburger 2018 que concede a Unidade da Muller e Ciencia. A microbióloga pontevedresa dirixe, xunto a Juan Luis Barja, o grupo de Patoloxía en Acuicultura da USC, un dos principais grupos de referencia competitiva de Galicia no que traballa unha trintena de persoas.

Estévez Toranzo é licenciada en Bioloxía e Farmacia e dende 1991 é catedrática de Microbioloxía na USC, onde tamén se doutorou en Bioloxía. Foi directora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade compostelá e coordina o programa de Doutoramento en Avances en Bioloxía Microbiana e parasitaria.

As súas principais liñas de investigación céntranse na patoloxía bacteriana en acuicultura. Concretamente, na caracterización fenotípica, antixénica e molecular de patóxenos de peces; o desenvolvemento de métodos de diagnóstico de patóxenos; la epizootioloxía; e a quimioterapia e vacinación en Acuicultura.

É autora de 272 artigos, a maioría publicados en revistas SCI, así como de 22 capítulos de libros. É ademais inventora de oito patentes de uso en Acuicultura (vacinas, probióticos e procedementos de diagnose), participou en 46 proxectos de investigación e desenvolvemento estatais, europeos e autonómicos así como en 15 de desenvolvemento tecnolóxico financiados por entidades públicas y privadas.

Participa como especialista en diferentes comisións de avaliación de proxectos e programas, é membro do comité editorial de revistas científicas da área de acuicultura e é membro activo de dez sociedades científicas ademais de académica Numeraria das Academias Galegas de Ciencias e de Farmacia.

O premio Wonenburger súmase ao Jaime Ferrán (1993) da Sociedade Española de Microbioloxía ou ao Título de Excelencia galega en Investigación (2006) da Asociación de Empresarios galegos en Cataluña.

Nas anteriores edicións foron sucesivamente distinguidas co premio Wonenburger Inmaculada Paz Andrade, Teresa Miras Portugal, María Soledad Soengas, Carmen Navarro e Ofelia Rey, Tarsy Carballas, María José Alonso, Carmen García Mateo, Isabel Aguirre de Úrcola, Peregrina Quintela e Begoña Vila Costa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2018.