A catedrática Carmen García Pastor considera insuficiente a actual Lei da Promoción da Autonomía Personal e Atención ás persoas en situación de Dependencia

A catedrática de Educación Especial da Universidade de Sevilla, Carmen García Pastor, considera insuficiente o actual marco de intervención da Lei da Promoción da Autonomía Personal e Atención ás persoas en situación de Dependencia xa que se restrinxe a súa acción “á distribución de prestacións que se dirixen a paliar as situacións de dependencia”. Así o afirmou no II Congreso Galego Síndrome de Down co que a USC colabora e que se celebra estes días en Compostela baixo o lema ‘Dependencia. Independencia’.
Para Carmen García a Lei debería enfatizar “a vontade dunha política activa e solidaria para conseguir eliminar os obstáculos que a independencia persoal e a participación activa na sociedade”. Segundo a catedrática, o seu actual cometido, o da distribución de prestacións, sendo importante non ha de entenderse que “contribúa significativamente a mellorar a participación activa daqueles colectivos que tradicionalmente permaneceron socialmente discriminados”, senón a mellorar as condicións de vida dalgúns deles, matiza García Pastor.
Subliña a docente que a lexislación a este respecto parece engadir un marco regulador que “pode desencadear un proceso de valoración e asignación de prestacións moi burocratizado”, aspecto que estima contrario “á necesaria flexibilidade” dun proceso que “require sensibilidade cara as diferenzas que caracterizan as situacións particulares das persoas beneficiarias deste sistema”.