Ir o contido principal

A catedrática Josefina Planas inaugurou o seminario de Historia da miniatura cun relatorio sobre os libros iluminados durante o gótico en Cataluña

A catedrática de Historia da arte medieval na Universitat de Lleida, Josefina Planas, foi este martes a primeira relatora das cinco sesións que compoñen o seminario anual ‘ Pro illuminatura. Seminario de Historia da miniatura’, xurdido da “necesidade de estudar e pór en valor o noso patrimonio librario medieval e renacentista, así como de promover a formación dos estudantes e doutorandos neste eido”, como destacou na inauguración a profesora de Historia da Arte e coordinadora do ciclo, Mercedes López-Mayán.

Planas, grande especialista na análise da miniatura do período medieval, trazou na súa conferencia un rico e documentado percorrido polas principais obras e características dos manuscritos miniados nun dos focos artísticos máis relevantes dos séculos góticos tanto na Península ibérica como no conxunto do Occidente europeo. Este fío argumental serviulle, ademais, para propoñer importantes reflexións metodolóxicas sobre o procedemento de análise dos manuscritos miniados e para presentar as últimas liñas de investigación que se teñen desenvolvido dende as universidades catalanas.

A súa intervención suscitou grande interese entre o numeroso público asistente, constituído por profesores e investigadores que estudan o mundo librario medieval nas súas diversas ramificacións, por doutorandos e estudantes de Máster que comezan os seus traballos sobre estas cuestións, por bibliotecarios de diversos centros da USC e por outras persoas interesadas na materia.

A vindeira sesión do seminario terá lugar o martes 13 de decembro ás 11.00 horas na aula 13 da Facultade e correrá a cargo de Ana Hernández baixo o título ‘A miniatura plenomedieval hispana: creatividade e copia’.

O seminario está organizado coa colaboración do grupo de investigación Síncrisis. Investigación en formas culturais e das comisións académicas dos programas de doutoramento en Estudos medievais e en Historia, Xeografía e Historia da Arte.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2016.