Ir o contido principal

A catedrática Margarita Ledo, primeira muller galardoada co Premio Otero Pedrayo

Imaxe de arquivo de Margarita Ledo
Imaxe de arquivo de Margarita Ledo

A catedrática de Comunicación Audioviosual e Publicidade Margarita Ledo Andión acaba de ser galardoada co Premio Otero Pedrayo, o que a converta na primeira muller sobre a que recae este recoñecemento dende a súa creación en 1977. A proposta realizada pola Deputación de Pontevedra, entidade encargada de convocar e conceder o premio na súa edición 2017, foi aprobada por unanimidade.

O ditame do xurado destacou de Margarita Ledo a súa “traxectoria vital, profesional, e intelectual marcada pola súa temperá militancia política, o exilio e o lectorado de galego na Facultade de Letras da Universidade de Porto, o xornalismo comprometido e as primeiras investigacións sobre as relacións dos intelectuais republicanos portugueses e galegos”. Tamén destaca o feito de que fora “pioneira en centrarase en investigacións e xéneros audiovisuais non desenvolvidos en Galicia e sempre tendo presente a perspectiva de xénero en todos os seus traballos, investigacións e intervencións públicas”. Igualmente, a concesión deste recoñecemento vén recoñecer a súa defensa “a través de toda a súa traxectoria, do idioma galego con valor identitario e cultural de por si e en pé de igualdade cos demais idiomas da Península Ibérica e do mundo”.

O obxectivo do premio Otero Pedrayo é premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións. Poden optar persoas nacidas ou residentes en Galicia ou con cumprida raigame nela, os grupos de traballo radicados en Galicia ou constituídos para promover a cultura galega e as personalidades ou institucións que se caractericen pola difusión e o mantemento da cultura galega.

Na reunión do xurado participaron a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, en representación da Deputación de Pontevedra. En representación da Deputación da Coruña asistiron a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, e a escritora Mercedes Queixas. En representación da Deputación de Lugo, a deputada de Cultura, María Pilar García Porto, e Primitivo Iglesias. A de Ourense estivo representada polo deputado Manuel Doval Soto, e Alfonso Vázquez-Monxardín. Por parte da Xunta de Galicia asistiron o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o escritor Luis González Tosar. Por parte da Universidade de Vigo, o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho; pola USC María Xesús Nogueira Pereira; pola UdC, Xosé Ramón Freixeiro; pola Real Academia Gallega, Fina Casalderrey; e polo Instituto de Estudos Galegos ‘Padre Sarmiento', Pablo Otero Piñyero.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2017.