A catedrática Rosa Crujeiras recibe o recoñecemento da Fundación Real Academia de Ciencias de España
A traxectoria desenvolvida pola catedrática da USC Rosa Crujeiras Casais no eido das matemáticas acaba de ser recoñecida no marco da cuarta edición dos premios ao talento científico feminino mozo que outorga a Fundación Real Academia de Ciencias de España (FRACE) xunto a Mastercard. En concreto, estes galardóns premian a profesora Crujeiras pola súa contribución á comprensión dos procesos que xeran datos complexos. “Estes premios axúdannos a converternos en líderes e ter un papel protagonista na toma de decisións sobre ciencia e investigación”, sinalou a catedrática da USC ao recoller a distinción.
Xunto á profesora Crujeiras, tamén foron recoñecidas Irene Valenzuela Agüí no ámbito de ‘Física e Química’; Blanca Ausín González en ‘Bioloxía e Xeoloxía' e Isabel Oller Alberola no de 'Aplicacións da Ciencia á Tecnoloxía'. Nesta última edición rexistráronse 400 candidaturas válidas, das cales 23 correspondían á categoría de 'Matemáticas', 80 á de 'Física e Química', 185 á de 'Bioloxía e Xeoloxía e 112 á de ‘Aplicacións da Ciencia á Tecnoloxía’. Cada gañadora obtivo unha dotación económica de 2.500 euros co obxectivo de seguir contribuíndo ao desenvolvemento científico.
Segundo o profesor Jesús María Sanz Serna, presidente de FRACE, “na Real Academia de Ciencias e a súa Fundación estamos moi orgullosos do gran número e alto nivel das participantes. Xunto a Mastercard impulsamos, a través destes premios, a loita contra a brecha de xénero na ciencia española". Pola súa parte, Paloma Real, directora xeral de Mastercard España destacou que "a través destes premios queremos dar visibilidade ao traballo das mozas científicas do noso país e poñer en valor a importancia da igualdade de xénero e a visibilidade do papel da muller na ciencia e a tecnoloxía”.
Os premios foron entregados por María Ángeles Gil Álvarez, académica numeraria da Sección de Matemáticas; Miguel Angel Alario e Franco, académico numerario da Sección de Física e Química; Laia Alegret, académica numeraria da Sección de Bioloxía e Xeoloxía e Paloma Real, directora xeral de Mastercard España.
Currículo
Rosa M. Crujeiras (Ribeira, 1978) é catedrática de Universidade no departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización. Obtivo o seu doutoramento en Matemáticas en xaneiro de 2007, coa tese titulada ‘Contributions to Spatial Spectral Statistics’, baixo a dirección de Wenceslao González-Manteiga e Rubén Fernández Casal. Foi investigadora postdoutoral no Institut de Statistique, Biostatistique et Sciences Actuarielles da Université Catholique de Louvain (Bélxica). Dende xaneiro de 2008, exerce a docencia no departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC.
Dende outubro de 2010 e ata xuño de 2013 foi secretaria do Instituto de Matemáticas da USC, e dende xuño de 2013 e ata xaneiro de 2015 ocupou o posto de vicedecana da Facultade de Matemáticas. Entre 2015 e 2017 foi adxunta á Vicerreitoría de Comunicación e Coordinación da USC, ocupando dende xuño de 2027 e ata xuño de 2018 o cargo de vicerreitora. Dende xaneiro de 2019 e ata marzo de 2022, foi coordinadora do Programa de Doutoramento en Estatística e Investigación Operativa. En setembro de 2021 foi nomeada Directora Científica en funcións do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga). Dende xuño de 2022 é vogal do Consello Académico da Sociedade de Estatística e Investigación Operativa.