Ir o contido principal

De catedrático a alumno que prepara a súa segunda tese de doutoramento

Augusto Pérez Alberti visitará de novo a Antártida, desta volta como doutorando e ao abeiro do proxecto de investigación PARANTAR
Augusto Pérez Alberti visitará de novo a Antártida, desta volta como doutorando e ao abeiro do proxecto de investigación PARANTAR
Augusto Pérez Alberti, profesor ad honorem da USC, visitará a Antártida en xaneiro de 2023 no marco do proxecto PARANTAR para estudar o impacto do xeo continental e mariño nas costas de Livingston

O profesor ad honorem da USC, Augusto Pérez Alberti, visitou a Antártida por primeira vez no ano 2018 como catedrático de universidade. En xaneiro de 2023 repetirá experiencia pero, nesta ocasión, farao como alumno de terceiro ciclo no marco do proxecto de investigación ‘Deglaciación e resposta paraglaciar dende o Último Máximo Glaciar nas Illas Shetland do Sur’ (PARANTAR). “Os xubilados tamén poden seguir investigando”, afirma contundente o profesor Pérez Alberti, quen está a desenvolver a súa segunda tese de doutoramento baixo a dirección de Xosé Lois Otero, sobre o solo das montañas do Courel. “Un pintor non se xubila, así que o mesmo acontece co persoal investigador. Mentres haxa capacidade de pensar e de crear, claro que podemos seguir investigando”, sentencia.  

O proxecto PARANTAR ten como obxectivo principal a reconstrución temporal e espacial do proceso de deglaciación do arquipélago das Shetland do Sur (Antártida Marítima). Ademais, pretende analizar a dinámica paraglaciar actual e a resposta xeoecolóxica ante a retirada dos glaciares. Este proxecto inclúe tres campañas de traballo de campo na que se operará en tres áreas deglaciadas de Livingston (Punta Elefante, Punta Hannah e o extremo sur da Península Hurd) e as illas Snow, Media Luna, Robert, Nelson, Esperando e Dee. En concreto, a tarefa do profesor Pérez Alberti consistirá en “estudar o impacto do xeo continental e mariño nas costas de Livingston”.  

Pérez Alberti relata que xa levaba bastante tempo desenvolvendo traballos conxuntos co Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, cando decidiu propoñerlle ao profesor Xosé Lois Otero que fose o seu director de tese, quen de inmediato o animou a que dese pulo a este novo reto. “Síntome moi activo e ilusionado”, afirma para logo matizar que por suposto que está de acordo en deixar paso ás futuras xeracións no eido docente, pero isto non entra en contradición co feito de que se poida seguir investigando. “Ata que morremos, aprendemos”, sentencia.  

Traxectoria  

Augusto Pérez Alberti foi catedrático de Xeografía Física e na actualidade é profesor ad honorem da USC e estudante de doutoramento no Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade. A súa dilatada traxectoria académica levouno a ser profesor visitante nas Universidades de Le Mans e Nantes (Francia), Neuquén (Arxentina) e Quito (Ecuador). Realizou estadías de investigación nas universidades de Guelph (Ontario, Canadá), Estrasburgo (Francia), Laval (Quebec, Canadá), Montevideo (Uruguai), Mendoza (Arxentina), São Paulo (Brasil), Universidade de Chile (Santiago de Chile) e Universidade ESPE (Quito, Ecuador) e participou como relator en numerosos cursos en distintas universidades españolas e estranxeiras. Dirixiu teses de doutoramento, teses de licenciatura e traballos fin de grao. Participou en proxectos de investigación, tendo dirixido unha ducia deles, e en numerosas asistencias técnicas para diferentes institucións.   

Froito da súa ampla carreira investigadora desenvolvida en España, Portugal, Arxentina, Uruguai, Marrocos, Chile e na Antártida son as máis de 350 publicacións en revistas internacionais e estatais, así como libros, capítulos de libros e contribucións a congresos nacionais e internacionais. Foi presidente e vicepresidente da Sociedade Española de Xeomorfoloxía (SEG) entre 2004 e 2006, e director do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela entre 1999 e 2003. As súas principais liñas de investigación son a xeomorfoloxía costeira, glaciar e periglaciar o territorio e a paisaxe, destacando neste campo os seus estudos sobre os socalcos en Galicia.  Foi Premio Trasalva no ano 2002. 

A expedición 

A campaña antártica 2022-2023 contará con oito investigadores do proxecto PARANTAR procedentes da USC, Universidade de Oviedo (institución coordinadora), a UNED, a Universidade de Alcalá, a Universidade Politécnica de Madrid e a UCAM. En PARANTAR tamén se analizará, entre outros aspectos, a dinámica paraglaciar actual en Byers, Punta Elefante, Punta Barnard e as inmediacións da Base Antártica Española Juan Carlos I (Illa Livingston). 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.12.2022.