O catedrático Ángel Carracedo, candidato ao Princesa de Asturias en Investigación Científica e Técnica
O profesor da USC Ángel Carracedo e Sir Alec Jeffreys integran a candidatura promovida pola Xunta de Galicia aos Premios Princesa de Asturias na categoría de Investigación Científica e Técnica cuxo ditame darase a coñecer o vindeiro mércores 15 de xuño. A candidatura remarca os importantes descubrimentos acadados polos dous científicos no ámbito da xenética e da medicina forense, uns avances que contribuíron á estandarización e implantación das probas de ADN forense a nivel mundial e que, a día de hoxe, seguen a axudar, no eido xudicial, a resolver un gran número de investigacións.
Autopsia molecular
Ángel Carracedo, catedrático da USC, é un referente pola súa contribución á patoloxía forense coa introdución da autopsia molecular. Así, o actual presidente da Academia Internacional de Medicina legal, estendeu durante os últimos quince anos o seu labor no campo da xenética clínica e medicina xenómica, con contribucións relevantes no coñecemento da causa xenética das enfermidades, promovendo a creación da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que dirixe dende entón, centro de maior volume de España no diagnóstico de enfermidades xenéticas.
Ademais, o profesor Carracedo tamén creou e dirixe o Centro Nacional de Xenotipado, a infraestrutura IMPaCT Xenómica para o desenvolvemento da Medicina personalizada en España e a infraestrutura Innopharma e Fundación Kaertor para o desenvolvemento de fármacos en fase preclínica. Os seus grupos de traballo e investigación son lugares de excelencia onde se forman científicos de todo o mundo e protagonizando moitos dos avances máis importantes no campo da xenética forense.
Pola súa banda, o doutor británico Sir Alec Jeffreys, nado en 1950 en Oxford, centrou as súas investigacións en explorar a diversidade do ADN humano e os procesos de mutación que crean esta diversidade; sendo un dos primeiros investigadores en descubrir a variación herdada no ADN humano.