O catedrático Aniceto Charro exporá na cerimonia de entrega do VIII Premio Aresa as claves da dieta atlántica para a sáude
A cerimonia de entrega do VIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural ao empresario Eladio Riguiera Sobrado, propietario de Queixería Casa Macán, celebrarase o vindeiro día 18 de xaneiro en Lugo, ás 20:00 horas, contando na mesma coa asistencia do recoñecido experto en Endocrinoloxía e Nutrición, o catedrático e xefe de servizo de Endocrinoloxía, Metabolismo e Nutrición do Hospital Universitario San Carlos de Madrid, Aniceto Charro Salgado, quen disertará sobre A dieta atlántica na saúde e na enfermidade.
Seguindo a tradición nas entregas dos Premio Aresa -que promove a Universidade de Santiago de Compostela e o grupo empresarial Aresa- a conferencia maxistral deste ano corre a cargo de Aniceto Charro Salgado, coordinador da Comisión Nacional da Estratexia NAOS (estudo da nutrición, actividade física e prevención da obesidade) do Ministerio de Sanidade. O experto exporá en detalle a incidencia positiva na redución de enfermidades da dieta atlántica, que segundo os últimos estudos reduce nun 25% a mortalidade por calquera patoloxía.
Na cerimonia do Premio Aresa, xunto a Aniceto Charro estarán os demais membros do xurado da oitava edición, integrado polo reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro; o seu homólogo da Universidade de Salamanca, José Ramón Alonso Peña; o presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o vicerreitor de Lugo, Carlos Herrero Latorre.
O galardón, dotado cun diploma de mérito e 10.000 euros, será entregado ao xoven empresario lucense polo seu labor emprendedor e innovador a prol do desenvolvemento da firma familiar, nun acto que se celebrará no Auditorio de Facultade de Veterinaria do campus de Lugo.