Ir o contido principal

O catedrático Carlos Acuña dá as claves para un envellecemento mental exitoso nunha conferencia na Academia de Medicina

O catedrático da Universidade de Santiago Carlos Acuña Castroviejo pronunciará este xoves 15 unha conferencia na Real Academia de Medicina de Galicia (r/ Durán Loriga, 10. A Coruña) da que é académico numerario titular de Fisioloxía. A conferencia pública, a desenvolver a partir das 17:30 horas, leva por título ‘Envellecemento cerebral’ e nela explicará como envellecer con éxito. Segundo comentará, aínda que a prevalencia de enfermidade se incrementa coa idade hai tamén a posibilidade de envellecer sen ela, cun deterioro cognitivo tardío e de evolución lenta, o que facilita a integración social. O profesor Acuña explicará cómo o envellecemento exitoso depende da interrelación de factores xenéticos, ambientais e de estilo de vida que producen cambios nas neuronas, os elementos fundamentais do cerebro, orixinando así as alteracións de personalidade, memoria ou conduta. “Pero non só –apunta-, senón que as investigacións actuais indican que o envellecemento cerebral se acompaña tamén de reorganización funcional cerebral e de compensación das alteracións que, xunto con intervencións apropiadas, auguran un envellecemento mental exitoso”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2012.