Ir o contido principal

O catedrático Carlos Pajares foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de San Petesburgo

O catedrático Carlos Pajares foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de San Petesburgo
O catedrático Carlos Pajares foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de San Petesburgo

O catedrático da USC Carlos Pajares acaba de ser nomeado doutor honoris causa pola Universidade de San Petesburgo, a máis antiga das institucións universitarias rusas, cuxa fundación se remonta ao ano 1724, e unha das máis grandes e prestixiosas deste país. Entre os seus graduados atópanse tres premio Nobel de Física, como Lev Landau, creador de toda unha escola de Física Teórica. Ademais, do seu claustro formaron parte nomes ilustres como Vladimir Fock, iniciador da Teoría Cuántica de Campos, ou Gregori Perelman, merecedor da Medalla Fields de Matemáticas e o investigador que resolveu a conxectura de Poincaré. Nos últimos 30 anos, San Petesburgo está considerado como un dos núcleos máis importantes en Física Teórica de Partículas O nomeamento de Pajares vén recoñecer as súas contribucións no campo das interaccións entre núcleos e o comportamento dos constituíntes últimos da materia a alta densidade, estando considerado como o fundador dunha escola de Física Teórica de ampla relevancia internacional. Este grao académico quere ser un recoñecemento tamén a unha colaboración de máis de 20 anos do investigador da USC con homólogos da institución rusa. Carlos Pajares foi o primeiro decano da Facultade de Física da USC, ademais de ter sido reitor da institución académica compostelá entre 1984 e xullo de 1990. Doutor pola Universidade Complutense realizou estadías na Universidade de París-Sur así como na de Washintong en Seattle, ademais de ter sido profesor titular da Autónoma de Barcelona. Este nomeamento súmase ao recentemente concedido pola Universidade Técnica de Lisboa, e aos premios de Investigación de Galicia (2007) e Xunta de Galicia de Divulgación (1994) ou á medalla de Ouro da Real Sociedade Española de Física. Cabaleiro da Orde das Palmas Académicas de Francia, foi delegado científico de España no CERN entre 2008 e 2012, vicepresidente da Real Sociedade Española de Física e membro de diversas comisión científicas de avaliación e asesoramento de organismos internacionais como a UE, OEIA, CERN, ANEP ou CSIC, entre outros. Autor de máis de 250 artigos da súa especialidade, ten publicados catro libros, dos que dous son de divulgación. A isto, hai que sumar unha abundante produción de artigos divulgativos en prensa, con colaboracións para El Pais, El Mundo, ABC, El Correo Gallego, La Voz de Galicia, El Progreso ou Investigación y Ciencia, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2012.