O catedrático Darío Villanueva, novo académico da Real Academia Española

A Real Academia Española (RAE) deu a coñecer a incorporación do catedrático de Teoría da Literatura, Literatura Comparada e Lingüística Xeral da USC, Darío Villanueva, como académico de número, para o sillón letra D, ocupado anteriormente polo filólogo Alonso Zamora Vicente. Ao mesmo tempo, o lingüista Salvador Gutiérrez foi escollido académico da RAE, ocupando a vacante de Julián Marías.
Villanueva, proposto por Francisco Ayala, Luis Goytisolo e Guillermo Rojo, resultou elixido na terceira ronda de votacións. Competía pola mesma praza a filóloga María Ángeles Álvarez, directora de Alcalingua e catedrática de Lingua Española da Universidade de Alcalá de Henares.
Darío VillanuevaReitor da USC dende 1994 ata 2002, Darío Villanueva é un recoñecido experto en Teoría da Literatura, eido no que publicou numerosos ensaios sobre escritores como Valle-Inclán, Azorín, Torrente Ballester, Cela, Emilia Pardo Bazán e Quevedo.
Este catedrático lucense, tamén académico correspondente da RAE en Galicia e da Academia Arxentina das Letras, é membro do comité científico da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, así como doutor honoris causa por sete universidades europeas e americanas.