Ir o contido principal

O catedrático Enrique Gómez-Reino distinguido coa Encomenda de Número da Orde do Mérito Civil

Enrique Gómez-Reino
Enrique Gómez-Reino

O catedrático de Dereito Administrativo da USC, Enrique Gómez-Reino, acaba de engadir ao seu currículo a Encomenda de Número da Orde do Mérito Civil, unha distinción outorgada polo Rei a proposta do Ministerio de Asuntos Exteriores a aquelas persoas que presten ou teñan prestado servizos relevantes ao estado “con traballos extraordinarios, proveitosas iniciativas ou con constancia exemplar no cumprimento dos seus deberes”.

O recoñecemento chégalle ao profesor Gómez-Reino poucos meses despois de que o Ministerio de Xustiza lle concedera a Cruz Distinguida de 1ª Clase da Orde de San Raimundo de Peñafort polo seu labor a prol do desenvolvemento do Dereito e a Xurisprudencia entre funcionarios do ámbito da Xustiza, profesionais ou autores de publicacións de carácter xurídico de relevante importancia.

O dereito das telecomunicación, do audiovisual e da competencia son os temas que centran as liñas de traballo do profesor Gómez-Reino no ámbito da investigación, para o que ten concorrido a convocatorias competitivas da Xunta de Galicia, do Ministerio de Educación e da Dirección Xeral de Ciencia e Tecnoloxía. Froito deste traballo é autor de preto dunha decena de libros e dunha vintena de capítulos, ademais de ter dirixido sete teses de doutoramento.

É membro da Academia Española de Profesores de Dereito Administrativo e das asociacións ítalo-española, franco española e internacional de docentes neste eido do Dereito. Ademais forma parte da Asociación Española de Dereito Audiovisual, do European Public Law Center (Atenas), do Instituto Internacional de Estudos de Dereito do Estado (Brasil) ou da Asociación Iberoamericana de Dereito Administrativo, entre outros. Foi vogal do Tribunal de Defensa da Competencia e representante español no Comité de Defensa da Competencia da OCDE.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2011.