O catedrático José Antonio Varela González, premio da Asociación Española de Márketing Académico e Profesional

A Asociación Española de Márketing Académico e Profesional vén de recoñecer a traxectoria do catedrático da USC e primeiro profesor de Comercialización en Galicia, José Antonio Varela González. A entrega deste prestixioso galardón realizouse no marco do XXXI Congreso Internacional de Márketing celebrado en Cáceres.
Varela González posúe unha dilatada traxectoria que o levou a ser nomeado en 2005 presidente do Tribunal Galego de Defensa da Competencia. Asemade, ten sido investigador principal en proxectos relativos aos modelos de compensación do persoal de vendas, perfiles de innovación e desenvolvemento de novos produtos, os aspectos estratéxicos do sector turístico de Galicia, ou a promoción turística conxunta de cidades patrimonio da humanidade, entre outros.
Galardón ao mellor artigo
Ademais do premio a Varela González, este foro premiou un traballo da USC como o mellor artigo de investigación sobre Márketing do ano 2018. Baixo o título ‘ How and when a salesperson's perception of organizational politics relates to proactive performance’ , realizado polos profesores Concepción Varela Neira, Marisa del Río Araújo y Emilio Ruzo Sanmartín, demostra que os vendedores que perciben nas súas empresas comportamentos guiados polos intereses particulares, máis que polos intereses xerais, perden confianza nos seus xefes e empeoran o seu rendemento.
Este traballo parte da necesidade de considerar a importancia da política organizacional percibida para comprender como e cando dificulta o desempeño proactivo do traballo dos vendedores. Neste artigo tamén se constata como entre os vendedores con máis experiencia, os efectos destas percepcións resultan máis febles. O traballo foi publicado na revista científica European Manangement Journal, unha das publicacións con máis impacto mundial na área.
A Asociación Española de Márketing Académico e Profesional promove o desenvolvemento do ensino e a investigación na área do márketing e contribúe á difusión das técnicas de márketing. Asemade, actúa como foro de debate para fomentar e defender o prestixio da área como disciplina universitaria e potencia o achegamento e colaboración entre o mundo académico, o profesional e os organismos públicos.