O catedrático Miguel Caínzos, novo gobernador para España do Colexio Americano de Cirurxiáns
O catedrático de Cirurxía da USC Miguel Caínzos acaba de ser elixido en Chicago gobernador para España do American College of Surgeons (ACS), o máis importante cargo dentro desta asociación colexial ao situarse xerarquicamente a continuación do presidente, sempre un cirurxián de orixe norteamericana.
Primeiro gobernador de orixe galego, Caínzos exercerá de ponte entre o Capítulo español e o máximo órgano de dirección do Colexio que agrupa a máis de 67.000 profesionais, a maioría deles de Estados Unidos e Canada pero con presenza de países de todo o mundo. O profesor da USC tomará o relevo de Jorge Puig Lacalle, Salvador Sancho Fornos e Enrique Moreno González, gobernadores para España dos últimos 20 anos.
Miguel Caínzos formouse na Facultade de Medicina compostelá e no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), onde actualmente exerce como catedrático e cirurxián. Discípulo do profesor José L. Puente Domínguez, é xefe de sección de Cirurxía Xeral e do Aparato Dixestivo do CHUS dende 1998, tendo ocupando sucesivamente os cargos de presidente da Surgical Infection Society of Europe (2003-2004) e da European Society for Surgical Research (2004-2005).
Actualmente ostenta ademais a dirección do Laboratorio de Medicina e Cirurxía Experimental da Facultade de Medicina, é membro numerario da Real Academia Europea das Ciencias e dirixe o ‘Internet Course on Surgical Infections’ organizado pola Surgical Infection Society of Europe e o ‘Internet Course on Surgical Research da European Society for Surgical Research.
Publicou sete libros de cirurxía e colaborou noutros 29, sendo autor de 171 artigos orixinais e editoriais especializadas, así como de 350 comunicacións a congresos, tanto nacionais como internacionais, e nos que ten recibido dezasete premios. Membro de dezaseis sociedades científicas nacionais e internacionais, realizou estadías de formación cirúrxica en hospitais de Francia, Reino Unido, Alemaña e Estados Unidos.