Ir o contido principal

O catedrático Pedro Diz Dios, membro de honra do Real Colexio de Cirurxiáns de Edimburgo

Pedro Diz (esquerda) recibiu as credenciais como membro de honra de mans do profesor William Saunders
Pedro Diz (esquerda) recibiu as credenciais como membro de honra de mans do profesor William Saunders
É a organización cirúrxica máis grande e antiga de Reino Unido

O catedrático de Estomatoloxía Pedro Diz Dios acaba de ser investido membro de honra do Real Colexio de Cirurxiáns de Edimburgo, corporación médica fundada en 1505 e considerada como a máis antiga e maior organización cirúrxica do Reino Unido e unha das máis grandes entre as organizacións médicas do mesmo país. O docente da USC convértese no primeiro español que recibe este recoñecemento no ámbito da súa especialidade. Na actualidade esta organización aglutina a preto de 25.000 profesionais de máis de cen países.

A proposta de investidura presentada polo doutor Howard Moody subliñou “o prestixio internacional de Pedro Diz Dios, cuxa traxectoria académica e investigadora convérteno nun referente da súa especialidade”. De xeito especial, a distinción de honra vén remarcar igualmente “ o seu compromiso cos colectivos máis desfavorecidos da nosa sociedade, unha iniciativa que este Real Colexio se esforza especialmente en promover”. A investidura celebrouse nunha sesión protocolaria presidira polo profesor Michael Lavelle-Jones.

O catedrático Pedro Diz dirixe a Unidade de Odontoloxía para pacientes con necesidades especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía, unidade que el mesmo promoveu hai máis de dúas décadas e que actualmente é un centro de referencia estatal e internacional no que atende pacientes con Síndrome de Down e discapacidade procedentes de toda Galicia.

Special Care in Dentistry
Este recoñecemento súmase á designación hai uns meses e logo dun proceso competitivo como editor xefe da revista Special Care in Dentistry, órgano oficial de expresión da Special Care Dentistry Association (SCDA). Deste xeito converteuse no primeiro profesional de orixe europea que desempeña esta función no comité editorial da publicación, considerada como a máis destacada deste ámbito da Odontoloxía.

Ademais, o catedrático da USC coordina a edición do Manual de higiene bucal para personas con discapacidad, unha iniciativa pioneira no seu ámbito que contén información útil para profesionais, familiares e pais e nais. Neste ámbito, o profesor Pedro Diz destaca a necesidade de prestar atención ás persoas con discapacidade severa, nas que as complicacións bucais poden condicionar a inxesta alimentaria e mesmo chegar a provocar alteracións condutuais, o que pode afectar á súa vez a “comprometer o estado nutricional do paciente e a súa relación co contorno”.

De esquerda a dereita: Michael Lavelle-Jones, Howard Moody, Pedro Diz e William Saunders

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2017.