O catedrático da Universidade de Granada Roque Hidalgo participa no programa de actividades conmemorativas do XXV Aniversario da Facultade de Física
A Facultade de Física organiza este xoves, día 12, unha nova sesión do seu ciclo de actividades conmemorativas do XXV Aniversario deste centro compostelán, nesta ocasión cunha conferencia do catedrático de Física Aplicada da Universidade de Granada Roque Hidalgo Álvarez.
Baixo o título ‘Coloides. Un mundo de dimensións despreciables’, a intervención de Roque Hidalgo desenvolverase a partir das 12:00 horas na Aula Magna da Facultade de Física.
Roque Hidalgo dirixe o grupo de investigación ‘Física de Fluídos e Biocoloides’ integrado por 19 doutores ademais de presidir o Grupo Especializado de Coloides e Interfases da RSEF. Recentemente logrou o premio do Consello Social da Universidade de Granada polos seus proxectos coa industria.