O catedrático da USC Antonio Rigueiro ofrece este mércores un relatorio sobre os bosques do Courel na Casa do Saber
O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Rigueiro Rodríguez ofrecerá este mércores, a partir das 20.00 horas, no salón de actos da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, o relatorio ‘Os bosques do Courel’, co que dá comezo o programa de actividades divulgativas e formativas organizado para o presente curso 2013-2014 pola Asociación do IV Ciclo Universitario do Campus de Lugo.
A rica biodiversidade que acubilla a Serra do Courel, unha bisbarra única por ser punto de encontro dos dominios eurosiberiano e mediterráneo e vertebrada polo río Lor, será un dos eixos da intervención de Rigueiro Rodríguez, que tamén subliñará a relevancia do espazo natural do Courel, unha contorna na que se atopan 35 hábitats da Rede Natura, case a metade dos rexistrados en Galicia. Antonio Rigueiro atribúe esta salientable biodiversidade a circunstancias ambientais, tales como o clima, a variación altitudinal ou a diversa topografía, factores que propician a existencia de microclimas particulares en zonas próximas. A análise das comunidades arbóreas naturais do Courel, como os faiais, bidueiras, reboleiras, aciñeiras, soutos de castiñeiros, abeledos, carballeiras e teixedais, e especialmente a das devesas de bosques de bosques, como a da Rogueira ou da Escrita, ademais das plantacións de piñeiros, tamén ocuparán boa parte da intervención do profesor Antonio Rigueiro na Casa do Saber de Lugo.
O relatorio ‘Os bosques do Courel, promovido pola Asociación do IV Ciclo Universitario do campus de Lugo, é unha actividade dirixida ao colectivo universitario sénior, pero tamén aberta a toda a cidadanía interesada. A entrada é de balde para todo o público.