O catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto fai historia coa memoria
Facendo Historia con memoria é o título do libro que o catedrático de Historia Contemporánea da USC, Lourenzo Fernández Prieto, presenta este mércores 20, ás 20:00 horas na Sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña (Cantón Grande, 21-24).
A publicación revisa o golpe de Estado de 1936, a represión que o acompaña, a Guerra Civil e a ditadura que se instaura como consecuencia da vitoria franquista. O autor parte de que cando entran en conflito as memorias dos vencidos e as dos vencedores, por definición sempre triúnfan as dos vencedores. Na súa opinión, “só a construción histórica do pasado pode evitar este desequilibrio”.
O volume recolle un feixe de artigos escritos nos últimos anos polo profesor da USC que comentan como se vén recuperando ese pasado incómodo e as reaccións sociais diante deste proceso.
No acto intervirán ademais o xornalista Ernesto Sánchez Pombo, o analista político e autor do limiar, Manolo Barreiro; e o director editorial de 3C3, X. Amancio Liñares.