Ir o contido principal

O catedrático da USC Manuel González González, elixido membro do Institut d'Estudis Catalans

O catedrático da USC Manuel González González resultou elixido membro correspondente do Institut d’Estudis Catalans na reunión que o plenario xeral mantivo a pasada semana. Trátase do primeiro galego que accede á máxima institución lingüística de Cataluña.
O Institut d’Estudis Catalans, con máis de cen anos de antigüidade, é a institución que exerce o papel de Academia da Lingua Catalá, encargada de ditar a norma sobre o catalán.
Manuel González González, catedrático de Filoloxía Románica, foi secretario da Real Academia Galega durante os últimos oito anos e actualmente ocupa a presidencia en funcións desta institución. É tamén o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades.
A defensa da candidatura de Manuel González levouna a cabo o eminente lingüista catalán Joan Veny, catedrático da Universidade de Barcelona en posesión da Creu de Sant Jordi, director do Atlas Lingüístico Catalán e presidente do Atlas Lingüístico Románico. Apoiou tamén o nomeamento, entre outros, o presidente da Secció Filológica do IEC, o tamén lingüista Joan Marti.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.12.2009.