Ir o contido principal

O catedrático da USC Miguel Ángel Zabalza, doutor honoris causa polo Instituto Multidisciplinario mexicano de Especialización de Oaxaca

Miguel Ángel Zabalza é catedrático de Didáctica e Organización Escolar da USC
Miguel Ángel Zabalza é catedrático de Didáctica e Organización Escolar da USC

O catedrático de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Santiago, Miguel Ángel Zabalza Beraza, será investido este sábado 10 en México doutor honoris causa polo Instituto Multidisciplinario mexicano de Especialización de Oaxaca (IME), que quere recoñecer así a súa contribución teórica e achega práctica tanto na formación docente universitaria como no educación básica en España e México. Actuará como padriño do profesor da USC o director do Instituto Nacional de Linguas Indíxenas de México, Javier López Sánchez. Os traballos do profesor Zabalza son fonte de referencia nos novos programas e procesos da recente reforma curricular en México dirixida á formación docente en escolas normais. Ademais, segundo afirman responsables do IME, o catedrático colabora de maneira interesada con este instituto no desenvolvemento de cursos e conferencias dirixidas a mestres e mestras de educación indíxena “que dificilmente terían a oportunidade de interactuar con figuras eminentes da investigación educativa como el”. O IME naceu en 1998 co propósito de ofrecer programas educativos de posgrao nas especialidades de Educación, Psicoloxía e Educación Artística. Pese a que se emprazaba no estado mexicano de Oaxaca dende hai un ano ten tamén sede en Chiapas. O seu primeiro doutoramento honoris causa outorgouno en 2005 a Margarita Gómez-Palacio Muñoz polas súas “excepcionais achegas a unha pedagoxía orientada á ensinanza da lectura e a escritura que repercutiu favorablemente na nenez mexicana cando estivo á fronte de proxectos educativos dende a Secretaría de Educación Pública de México”. Dilatada traxectoria docente e investigadora Miguel Zabalza Beraza, doutor en Psicoloxía e Pedagoxía, foi profesor da Universidade Complutense de Madrid, da UNED, da Universidade de Comillas e, desde 1979, da Universidade de Santiago na que foi decano da Facultade de Ciencias da Educación e dirixiu o Departamento de Didáctica e Organización Escolar e o Instituto de Ciencias da Educación. Zabalza desenvolveu unha ampla actividade como docente e investigador na área do currículo e desde hai anos está implicado en programas de formación de docentes e asesoramento a centros escolares en procesos de desenvolvemento institucional e mellora da calidade da ensinanza. Ademais, pertence a varios programas europeos centrados na formación de profesores, na transición da escola ao mundo do traballo e no estudo das virtualidades pedagóxicas dos itinerarios culturais europeos. Investigador principal de 25 proxectos de investigación de ámbito estatal e internacional, é ademais autor (ou coautor) de máis de 100 libros, algúns deles traducidos a varios idiomas. Entre as súas publicacións máis sobranceiras destacan Diseño y desarrollo curricular, Didáctica de la Educación Infantil, Areas, Medios y Evaluación en la Educación Infantil, Los diarios de clase, La formación práctica de los profesores I e II, Educación Especial y Formación de Profesores, La calidad en la Educación Infantil, Los tutores en el practicum, La formación práctica de los profesionales: El prácticum, La enseñanza universitaria: el escenario y sus protagonistas, Las competencias docentes del profesorado universitario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2012.