Ir o contido principal

O catedrático Wenceslao González Manteiga ingresa no Institute of Mathematical Statistics

González Manteiga recibiu a credencial de membro do IMS en Baltimore, no transcurso do Joint Statistics Meeting
González Manteiga recibiu a credencial de membro do IMS en Baltimore, no transcurso do Joint Statistics Meeting

O catedrático de Estatística e Investigación Operativa Wenceslao González Manteiga acaba de ingresar como membro do Institute of Mathematical Statistics (IMS). Esta é unha designación reservada a investigadores de recoñecido prestixio no ámbito da estatística e a probabilidade. A incorporación do docente da USC formalizouse no transcurso do Joint Statistics Meeting celebrado en Baltimore, considerado un dos eventos máis importantes do mundo no ámbito da estatística.

Fundado en 1935, o IMS é unha organización internacional de perfil académico e profesional dedicada á difusión e aplicación da estatística e a probabilidade, contando na actualidade con 4.500 asociados de todo o mundo. O IMS edita os Annals of Statistics e Annals of Probability, así como as súas versións de perfil máis aplicado e a revista Statistical Science, todas elas publicacións periódicas de referencia na estatística e a probabilidade.

Wenceslao González
Case duascentas publicacións, máis de vinte proxectos competitivos como investigador principal e máis de trinta teses de doutoramento dirixidas son os números que avalaron a candidatura do profesor González Manteiga e que foron tidos en conta polo comité do IMS para o seu ingreso como membro do instituto.

Durante a súa carreira investigadora, centrada na metodoloxía estatística non paramétrica, tenlle permitido facer contribucións relevantes na estimación de curvas e conxuntos, os datos funcionais ou os modelos espaciais e espazo-temporais, con aplicacións no ámbito da economía e o medio ambiente, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.09.2017.