Ir o contido principal

Catro científicos ‘Starting Grant’ na USC

De esquerda á dereita, Miguel López, Juan Casares Long, Rubén Nogueiras e Carlos Salgado
De esquerda á dereita, Miguel López, Juan Casares Long, Rubén Nogueiras e Carlos Salgado
Fran Rivadulla, Carlos Salgado, Miguel López e Rubén Nogueiras son os investigadores da USC que obtiveron o financiamento que outorga o European Research Council a través do programa 'Starting...

Tres investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acadaron este ano cadansúa prestixiosa e competitiva bolsa ‘Starting Grant’ do European Research Council (ERC), dotada cada unha delas con preto 1,5 millóns de euros para os próximos cinco anos. As dúas concesións máis recentes foron para Miguel López e Rubén Nogueiras, investigadores do programa Ramón y Cajal na USC. A anterior, do mes de xuño deste mesmo ano, foi para Carlos Salgado, para o seu proxecto ‘Hot and dense QCD in the LHC’, que estuda estados da materia a altísimas temperaturas onde os quarks e os gluons están libres en distancias macroscópicas do tamaño do núcleo atómico. Estas veñen sumarse á conseguida por Francisco Rivadulla Fernández, do grupo de investigación de Megnetismo e Nanotectoloxía (NANOMAG), en 2010. Miguel López Miguel López, doutor en Bioloxía pola USC, realizou estudos posdoutorais na Universidade de Cambridge (UK). Actualmente, é investigador do programa Ramón y Cajal na USC, ademais de membro do Centro de Investigación Biomédica en Rede-Fisiopatoloxía da Obesidade e a Nutrición (CIBERobn) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). As súas liñas de investigación céntranse no estudo dos mecanismos hipotalímicos que regulan a inxesta de alimentos e o gasto enerxético, con particular interese no papel do metabolismo lipídico neuronal. Publicou ata o momento máis de 75 artigos de investigación e libros/capítulos de libros, sendo revisor habitual dalgunhas das revistas máis prestixiosas do campo da Biomedicina. Ten sido galardoado con 17 premios de investigación, destacando entre eles o Premio Europeo ao Mozo Investigador en Obesidade 2008, outorgado pola Asociación Europea para o Estudo da Obesidade (EASO). O proxecto O proxecto presentado ao ERC estudará un novo papel dos lípidos no hipotálamo. En concreto, a investigación estudará se determinados tipos de lípidos poden ser tóxicos (lipotoxicidad) e interferir cos mecanismos moleculares que regulan a inxesta de alimentos e o gasto enerxético no hipotálamo. Datos preliminares do grupo indican que a acumulación deses lípidos tóxicos interfire cos mecanismos de procesamento das proteínas, un fenómeno denominado tensión de retículo endoplasmático. O coñecemento destes mecanismos moleculares permitirá identificar novas dianas terapéuticas para o tratamento da obesidade e a síndrome metabólico, que actualmente están alcanzando proporcións pandémicas nas sociedades occidentalizadas. Rubén Nogueiras Doutor en Bioloxía pola USC, Rubén Nogueiras continuou a súa formación en diferentes laboratorios de Alemaña, Suíza e Estados Unidos. No ano 2009 incorporouse ao Departamento de Fisioloxía da USC como investigador Ramón y Cajal. Membro do Centro de Investigación Biomédica en Rede- Fisiopatoloxía da Obesidade e a Nutrición (CIBERobn) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), o seu grupo de Metabolismo Molecular estuda os mecanismos mediante os que o cerebro regula tanto a inxesta e o peso corporal como o metabolismo da glicosa. A súa traxectoria valeulle, entre outros, o Premio Europeo ao Mozo Investigador en Obesidade 2009, outorgado pola EASO, e o Premio ‘Journal of Molecular Endocrinology 2011’ que outorga a Sociedade Europea de Endocrinoloxía. Na actualidade conta con máis de 75 artigos científicos en revistas internacionais Xene p53 A proposta de Rubén Nogueiras estudará un novo papel do xene p53, un coñecido supresor tumoral. O p53 regula un conxunto de moléculas que son claves na xeración de tumores e que ante determinadas situacións responde producindo a morte celular. Con todo, este proxecto abordará a función do xene p53 na regulación do apetito, do peso corporal e os niveis de glicosa en sangue. En concreto, o laboratorio obtivo datos que suxiren que a manipulación deste supresor tumoral en determinadas rexións do cerebro pode alterar a cantidade de comida inxerida e o peso dos animais de experimentación. Con este ambicioso proxecto, coñeceranse con exactitude tanto as poboacións neuronais como os mecanismos moleculares utilizados polo xene p53 para modificar o metabolismo e os niveis de azucre no sangue. Ademais coñecerase a posible interacción deste xene supresor tumoral con algunhas das hormonas máis importantes na regulación da inxesta, o peso corporal e a liberación de insulina. O obxectivo final do proxecto será coñecer se a manipulación deste xene nalgunhas áreas do cerebro podería converterse nun futuro nunha diana terapéutica contra a obesidade ou a diabetes tipo 2. Carlos Salgado O físico Carlos Salgado, Ramón y Cajal da USC, recibiu no mes de xullo deste ano o respaldo da bolsa europea Starting Grant’ para estudar e interpretar os resultados máis novos do colisionador de partículas do CERN suízo. No seu proxecto, titulado ‘Hot and dense QCD in the LHC era’, profundará nos primeiros resultados -” espectaculares desde o punto de vista científico”, apunta Salgado- do CERN, que comezou a facer experimentos en decembro do pasado ano. En concreto, trátase de estudar estados da materia a altísimas temperaturas onde os quarks e os gluóns están libres en distancias macroscópicas do tamaño do núcleo atómico. O proxecto, esencialmente teórico, pretende comprender as propiedades destes medios creados no LHC, pero ten unha compoñente de comunicación coas colaboracións experimentais moi importante. Isto é, levar a cabo un estudo dos datos experimentais que vaian sendo públicos e interpretalos, algo indispensable para o éxito do programa. No proxecto inclúese tamén unha pequena parte para divulgación dos achados científicos, unha actividade á que xa vén dedicando tempo o investigador, que con regularidade imparte charlas en centros educativos e participa en accións que fomentan a relación co centro suízo. Logo de defender a súa tese de doutoramento na USC, baixo a dirección do catedrático Carlos Pajares, Salgado completou a súa formación con diversas estadías na Universidade de París Sur, no CERN e na Universita di Roma La Sapienza, nas que traballou por un período de dez anos. Conta con 90 artigos publicados para un total de 130 publicacións, sendo dos mais citados internacionalmente entre os investigadores novos da súa especialidade. Francisco Rivadulla O científico da Universidade de Santiago e membro do grupo de investigación de Magnetismo e Nanotecnoloxía, Francisco Rivadulla Fernández, acadou a ‘Starting Grant’ en 2010,

A axuda achegada, 1,5 millóns de euros para un período de cinco ano, xa lle permitiu ao investigador a contratación de persoal (dous investigadores posdoutorais, dous doutorandos e un técnico) e a adquisición de material constituíndo deste xeito o seu propio equipo de investigación na USC. O científico, actualmente profesor titular, regresou á USC procedente de Estados Unidos a través do programa Ramón y Cajal. Nos seus traballo de investigación emprega sistemas electrónicos altamente correlacionados para producir enerxía eléctrica a partir de calor perdido, algo novidoso e que proporcionaría novos métodos para obter dita enerxía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.08.2011.