Catro mulleres do XVII no quinto concerto do ciclo ‘Le nuove musiche’
Alumnado da ESMAE de Porto e de canto do Curso de Música Antiga da mesma escola portuguesa protagonizan este venres 22 o quinto concerto do ciclo ‘ Le nuove musiche. Música instrumental e vocal do século XVII’, que leva por título 'Lagrime mie, a che vi trattenete?'.
Será ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidades cando soen diversas pezas compostas por catro mulleres da época : Françoise-Charlotte de Senneterre (1679-1745), Elisabeth Jacquet de La Guerre (1665-1729), Francesca Caccini (1587-1641) e Barbara Strozzi (1619-1677).
No elenco de intérpretes figuran as sopranos Carolina Bermejo, Bianca Alves, Eunice d’Aguiar, Rita Venda e Daniela Matos; os clavecíns Vasco Pereira e Diogo Zão; os violíns barrocos Mariña García Bouso e Francisco Cymbron; a frauta de bisel António Godinho, o violonchelo barroco Leonor Sá e a tiorba Pedro Martins.
O ciclo O ciclo está centrado no seicento, “a época musical de occidente na que se sucederon os maiores e máis transcendentes cambios de todo o seu devir”, tal e como manifesta o profesor de Historia da Música da USC, Javier Garbayo. É o período no que nace o Barroco, no que a música instrumental adquire maiores dimensións grazas aos importantes avances técnicos e construtivos dos instrumentos, á aparición de executantes cada vez máis especializados e á incorporación e experimentación de novas formas e códigos de composición.